A axenda de lecer para este sábado e domingo vén cargada dunha chea de propostas para escoller, a maior parte delas de carácter cultural. Unha ruta polo patrimonio de Labacengos, festas en San Xurxo e na nave do Mercado, contacontos para a xente miúda e música no castelo compoñen un listado ben cumprido que, segundo parece, virá acompañado de tempo caloroso, moito máis do que é habitual nesta época do ano. Vexamos cal é a oferta:

Sábado 7 de outubro, 09:00h:  Ruta etnográfica por Labacengos
Todas as parroquias de Moeche teñen moito que mostrar das distintas épocas da historia, pero na zona de Labacengos concéntranse unha chea de vestixios que nos ofrecen unha visión case cronolóxica do territorio desde tempos moi anteriores á romanización até a actualidade.

E se a iso lle sumamos recunchos certamente fermosos para ser percorridos devagar, xa temos os dous ingredientes principais da ruta etnográfica que programou a área de Turismo para a mañá deste sábado. Trátase dun itinerario circular de 9 quilómetros e de dificultade media-baixa que sairá a iso das 09:00h da igrexa parroquial para descubrirmos algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da zona, como son o túmulo dos Caneiros, o castro de Vilachave, a mámoa das Barbelas, o cruceiro de San Xiao dos Ósos ou os muíños dos Loureiros, algúns deles en funcionamento ata non hai tantos anos.

A ruta etnográfica por Labacengos estará guiada polo técnico de Turismo, Ramón Carballeira, quen ofrecerá explicacións sobre o que se irá vendo en cada punto, ademais da súa contextualización histórica. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, hai que anotarse presencialmente na Casa do Concello, ou ben chamar en horario de mañá ao 981 404 006. Tamén se pode enviar un correo a turismo@moeche.gal.

Sábado 7 de outubro, 11:30h: “Contacontos contapés” na biblioteca, para meniñas e meniños
E mentres discorre o paseo polo patrimonio de Labacengos, na Biblioteca Municipal terá lugar a sesión de narración oral “Contacontos contapés” que nos traerá Marisa Irimia. Neste caso trátase dunha actividade dirixida especialmente a familias con nenas e nenos de ata tres anos de idade.

O espectáculo encádrase no programa “Ler Conta Moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A entrada é gratuíta.

Venres 6 e sábado 7 de outubro: Festa das Dores en San Xurxo
Tamén durante esta fin de semana, a parroquia de San Xurxo honrará á Virxe das Dores cun programa que abrangue a noite do venres e a xornada do sábadp. A noite do primeiro día teremos verbena animada polo Grupo Pasión, mentres que o sábado a parte musical nocturna e de mediodía será cousa do Dúo Estrella, acompañado doutra formación no peche das celebracións.

Sobra dicir que o sábado tamén haberá misa -ás 13:30h- e que a festa se celebrará debaixo dunha carpa que nesta ocasión, segundo parece, servirá para dar algo de sombra nun sábado que promete ser moi caloroso e para tornar o recío cando marche o sol.

Sábado 7 de outubro, 21:30h: Festa Ibicenca na nave do Mercado
O bar do Mercado de Moeche organizou tamén para o sábado unha festa “Ibicenca” ao estilo desas que se fan na illa das Baleares para despedir o verán. De feito, quen vaia con roupa completamente branca entrará no sorteo de varios agasallos ao longo da noite.

A cousa aquí adáptase á nosa propia idiosincrasia dándolle formato de cea baile a partir das 21:30h con menú a base de sopa de peixe e marisco, lacón asado e sobremesa. A continuación actuará a solista Nuria Boreal e, como peche “ata que o corpo aguante”, hai prevista unha sesión de picadiscos.

O prazo para reservar (20€/persoa) finalizou este mércores, pero quen queira probar sorte a ver se queda algún oco na mesa pode chamar ao 618 235 128 ou ao 666 310 527. Na festa posterior poderase entrar de balde, aínda que non se fose cear.

Domingo, 12:30h: The Duellist en concerto no “Castelo de Sons”
Tras un intenso verán, a fortaleza de San Xurxo inicia temporada outono/inverno co programa “Castelo de Sons” que aproveita a espectacularidade e sonoridade do recinto como espazo acaído para a música ao vivo.

O programa estrearase o domingo ás 12:30h co dúo de cordas The Duellist, ofrecendo un repertorio que combina obras clásicas con bandas sonoras de películas e pezas populares de todo o mundo.

Este ano o “Castelo de Sons” organízase coa colaboración da rede cultural Dinamiz-Artj, promovida polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Ciudad de la Energía naquelas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas.

Ademais de The Duellist, dentro do “Castelo de Sons” tamén actuará proximamente a coral Airiños da Capela, despois de ter que suspenderse o recital que estaba previsto para o pasado día 1 de outubro.