Hoxe rematou o curso da Aula TIC, “Fotos con historia” de Moeche, ese curso que fixo viaxar no tempo aos seus participantes, e que a partir de agora nos fará viaxar no tempo a todos nós.
O curso comezou unha semana antes de ser declarado o estado de alarma, e o que era unha sinxela idea de buscar fotos antigas e facer unha foto do presente no mesmo lugar, converteuse en toda unha odisea. Debido ao COVID-19, os participantes tiveron que apoiarse no uso das novas tecnoloxías dende a súa casa para poder levalo a cabo. Se algo bo se pode sacar desta situación, é que o alumnado, ademais de aprender os conceptos básicos da fotografía e das funcións básicas do teléfono móbil para retratar espazos actuais e comparalos con como eran no pasado; agora dominan tamén o mundo das videochamadas e videoconferencias, indispensables para levar a cabo este curso.
O confinamento ao que estivo sometida a poboación nos seus fogares tamén impediu a algún dos alumnos realizar a fotografía actual para poder facer a comparación. Pero isto non os fixo desistir, déronlle a volta á idea inicial e decidiron que a historia que non se podía contar coas fotos, contaríana eles simplemente narrando a historia da fotografía antiga.
Durante o curso, tamén se creou unha canle de Youtube chamada “Fotos con Historia de Moeche”, na cal se irán subindo, pouco a pouco, os traballos de todas as alumnas e alumnos. Aquí vos deixamos o enlace ao primeiro dos traballos, onde Josefina Rego, veciña de San Xurxo, nos conta a historia do Cruceiro de San Xurxo e da casa que ten ao lado.
Dalle ao “play”:
Últimos comentarios