Moeche celebra este domingo, 14 de xuño, a VIII Feira do Gando, no recinto feiral, cunha xornada que comezará arredor das 09:00 horas e que se completará con actividades para todos os públicos.

A cita, organizada coa colaboración dos gandeiros de Moeche e da contorna, volve converterse nun punto de encontro para profesionais do sector, veciños e visitantes, poñendo en valor o traballo e a vida do mundo rural.

Como o ano anterior, recoñecerase a participación das gandarías con máis cabezas de gando con premios económicos: 150€ para a manada máis numerosa e 100€ para a segunda, contando conxuntamente bovino e equino. Ademais, o público asistente volverá ter un papel protagonista na elección dos mellores exemplares da feira. Cada gandaría poderá presentar un ou dous exemplares ao concurso do público, que deberán estar identificados cun distintivo visible, e as persoas asistentes poderán votar polo seu favorito tanto en bovino como en equino, cubrindo a ficha de voto co número do animal nunha furna que estará situada na propia nave do gando. Os exemplares máis votados en cada categoría recibirán un premio de 100€.

Como novidade desta edición, os exteriores das naves contarán cunha exposición de maquinaria agrícola, da man de Agroxardín Cerdido e de Agrícola Somozas.

VI Concurso de Fotografía da Feira do Gando
Xunto ao compoñente gandeiro, a VIII Feira do Gando incluirá de novo a exposición do concurso de fotografía aberto a toda a cidadanía, co obxectivo de reflectir a riqueza visual e humana do mundo rural. As fotografías, das categorías Foto dunha Gandería, Foto da vida no rural e Foto da infancia no rural, estarán expostas na Nave do Mercado durante a feira, onde poderán ser contempladas polo público e valoradas por un xurado.

O tribunal outorgará un único premio por categoría, mentres que o público tamén poderá expresar a súa opinión a través dunha urna situada xunto á exposición e mediante a interacción coas imaxes na galería de Facebook do Concello de Moeche, onde o “gústame” tamén contará como voto. Todas as fotos estarán expostas sen o nome da persoa autora para manter a imparcialidade do xurado.

Para animar a mañá, ás 13:00 horas terá lugar a actuación das Desmuiñadas do Ventoeiro, ao remate da cal se entregarán os premios ás manadas máis numerosas. Durante o día realizaranse tamén varios sorteos entre o público asistente, que deberá

A xornada remata ás 16:30 horas coa entrega dos premios aos exemplares elixidos polo público.

PROGRAMA

09:00 Apertura da Exposición do gando
10:00 Apertura das Exposicións de fotografía do concurso (nave do mercado) e de maquinaria agrícola (exteriores das naves)
12:45 Primeiro sorteo
13:00 Actuación das Desmuiñadas do Ventoeiro
A continuación, entrega de premios ás manadas máis numerosas
16:15 Último sorteo
16:30 Remate da feira e entrega de premios aos exemplares elixidos polo público

O Concello quere agradecer especialmente a todas as gandarías da contorna que, ano tras ano, fan posible coa súa participación que esta feira continúe celebrándose, así como a todas as persoas que cada edición se achegan para acompañalas.