O IV Open de Dominó encherá de novo a nave do Mercado de Moeche o sábado 10 de setembro desde as 10.15 h ata as 19.30h da tarde, hora prevista para o remate do evento. O encontro está organizado pola Asociación Recreativa Deportiva CVM (Cerdido, Valdoviño, Moeche), que ano tras ano vén dinamizando a afección ao dominó, e conta coa colaboración do Concello de Moeche.

Volverán resoar as fichas de dominó con forza na nave do mercado o sábado 10 de setembro,  data en que se celebra o IV Open de Dominó  Concello de Moeche, un evento agardado polas  moitas persoas afeccionadas ao dominó en Moeche e na comarca.

Retómanse as normas antes da pandemia, o que significa que se aplica o sistema de sete roldas. Catro das roldas serán en horario de mañá, con inicio previsto ás 10.15h e remate ás 13.50h. Farase o descanso preciso para o xantar – incluído no prezo da inscrición- e, trala sobremesa, xogaranse as tres roldas restantes entre as 16.00 e as 18.40h. O regulamento das normas é o establecido pola Federación Galega de Dominó e a Federación Española de Dominó.

Competirase tanto por parellas como por equipos, e a día de hoxe a Asociación xa ten confirmada a asistencia de 10 clubs tanto da provincia da Coruña, como da de Lugo e Pontevedra así como da Federación Asturiana de Dominó, quen habitualmente ten representación nos encontros celebrados en Moeche. O evento será puntuable para o Campionato de España desta disciplina.

A contía económica dos premios sobrepasa os 1.000€ sumando ambas categorías; na categoría de parellas o premio económico compleméntase coa entrega de xamóns.

Para anotarse neste encontro hai que chamar a un destes teléfonos: 636 110 492 (Daniel), 683 639 153 (Arsenio) ou 617 224 820 (F.G.D.) nos que tamén nos facilitarán máis información sobre o desenvolvemento do aberto.

Prezos de inscrición

30€ para a persoa socia da Asociación Recreativa Deportiva CVM ;

40€ por persoa non socia

O prezo inclúe o xantar; deberá pagarse o propio día 10 antes do comezo das partidas.

Documentos;

Regulamento Federación Galega de Dominó

Regulamento Federación Española de Dominó