O Concello de Moeche continúa apostando pola recuperación do teatro veciñal que tanto éxito e repercusión tivo na segunda metade dos anos 90 do século pasado, cando xente de todo o Concello se implicaba na montaxe de obras que logo se representaban no Festival Irmandiño. E despois dun pequeno descanso durante o verán, a Concellaría de Cultura recupera os obradoiros de iniciación ao teatro que terán lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro todos os venres á tardiña empezando a vindeira semana. As sesións, de dúas horas e abertas inicialmente a persoas de 14 anos en diante, estarán dirixidas por Pepablo Patiño, quen ademais de ser veciño de Moeche leva unha chea de anos colleitando éxitos coa compañía Teatro Ghazafelhos.

Tal e como lembrabamos a inicios do 2022 cando este obradoiro botou a andar, o Concello de Moeche busca recuperar con estes obradoiros o espírito do movemento que houbo neste concello a finais da década dos 90 co teatro veciñal.
Esta escola terá dous obxectivos principais, por unha banda consolidar ás artes escénicas no municipio como opción cultural e de lecer e, doutra, procurar que todas as participantes adquiran e coñezan técnicas básicas na interpretación a través de diferentes exercicios prácticos: a importancia da voz, tomar conciencia do espazo, as improvisacións, a linguaxe non verbal, a escoita activa ou a cohesión grupal son claves na iniciación ao teatro. E se cadra, que nun futuro próximo, o municipio dispoña dunha agrupación estable capaz de montar pezas de todo tipo para seren representadas.

A escola terá como profesor a Pedro Pablo Patiño Peña, máis coñecido como Pepablo, que leva anos formando parte -xunto con Montse Piñón e Jorge Casas- da compañía Teatro Ghazafelhos. Frankenstein, Nana para un Soldado, Bon Appetit, Irinha Bailariña, Acuario, A illa sen tesouro, A caixa sen Pandora ou A nena e o grilo nun barquiño son só algúns dos seus espectáculos, dirixidos maiormente a público infantil.
Esta actividade xa ten aberto o prazo de inscrición e agárdase que poida comezar xa o vindeiro venres. Serán dúas horas de clase á semana que se desenvolverán no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, os venres entre as 20 e as 22:00h.

A reserva de praza xa se pode facer na Casa do Concello de luns a venres en horario de mañá, ou ben a través do correo@moeche.gal. Os prezos son os mesmos que para o resto de escolas municipais: 6€ de matrícula e 12€ ao mes, incluído o seguro ante calquera eventualidade. Nese correo inicial deberase indicar o nome completo e un número de teléfono de contacto, unha vez confirmada a praza desde o Concello indicarase como realizar o pagamento.

A Escola Municipal de Teatro botará a andar inicialmente para persoas maiores de 14 anos, aínda que o Concello tamén ten intención de ofrecer, nunha segunda fase, clases para a rapazada menor desa idade. Ao longo deste mes amosaranse o resto de actividades das escolas culturais, que previsiblemente, botarán a andar no mes de novembro.