Sementeira, o campamento de verán de Moeche, xa está aquí para todas as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Este ano a mellora da situación sanitaria permite recuperar o tempo de desenvolvemento habitual, os dous meses. Ofrecerá un conxunto de actividades que terán como base o pavillón polideportivo de San Ramón e saídas a diferentes puntos do concello e da comarca con actividades formativas e lúdicas: actividades na feira, na aula informática da Casa do concello, na área recreativa de Souto Grande, no castelo, na piscina, no centro cultural, pistas deportivas, patio da escola, etc. e así ata compoñer unha oferta educativa e de entretemento con variadas propostas. Desenvolverase en dúas quendas, unha no mes de xullo e outra no mes de agosto, de maneira que as familias poderán reservar praza para calquera dos dous meses ou incluso para o total do programa, que arranca o 1 de xullo e finaliza o 31 de agosto. O período de preinscrición está aberto entre o 8 e o 22 de xuño e ofértanse un máximo de 30 prazas.

As persoas que queiran inscribir as súas pequenas ou pequenos deberán entregar no Concello a documentación requirida, que pode descargarse ao pé desta nova. A documentación componse da folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-,  a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado, como poden ser alerxias ou a indicación dalgún tratamento, e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal e á práctica de actividades acuáticas ou excursións. As bases completas do programa, que recollen todos os prazos, os horarios, a estrutura do campamento e os criterios de prioridade á hora de asignar as prazas, podense descargar tamen nesta nova.

En cada quenda ofértanse un máximo de 30 vacantes –2 delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais ou urxentes-, que se cubrirán, en primeiro lugar, mirando a data de rexistro da solicitude. Se existisen máis peticións que prazas, o Concello asignará cada unha delas dándolle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio.

Inscrición

Atenderase   tendo en conta a data de rexistro de entrada no Concello e dentro desa orde terán preferencia:  

1. Nenos ou nenas matriculados/as no CEIP San Ramón.

2. Familias con algún membro empadroado no Concello de Moeche con esta orde de preferencia: nais e pais, avoas e avós.

3. Familias con algún dos membros con vinculación laboral no municipio

En cada un dos casos anteriores, sempre terán preferencia as solicitudes que demanden horario madrugador, dende as 8.30 h.

  • Para as prazas de xullo e para reserva de praza no mes de agosto, pagando os dous meses. o período de matrícula vai do 8 ao 22 de xuño, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas na Casa do Concello ou na Sede Electrónica, www.moeche.gal
  • Para inscribir as nenas e os nenos no Sementeira para o mes de agosto abrirase un prazo do 12 ao 23 de xullo, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas na Casa do Concello ou na Sede Electrónica, www.moeche.gal

Cómpre ter en conta que haberá dous horarios de luns a venres, un de 8,30 a 14.00h. e outro de 10.00 a 14.00h. e que terán preferencia na obtención de praza  quen elixa o horario máis madrugador. Para esa banda horaria -de 8,30 a 10.00h.- só hai 8 prazas dispoñibles. A rapazada apuntada nela terá xogos e obradoiros de lectura ata as 10, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas.

HORARIO DE 8.30 A 14.00

HORARIO DE 10.00 A 14.00

 

1º Membro

70,00 €

60,00 €

2º Irmán/irmá

60,00 €

50,00 €

3º Irmán/irmá

40,00 €

30,00 €

 

Só poderán proceder ao pagamento  para a praza os nenos ou nenas que estean matriculados no CEIP San Ramón e as familias que figuren empadroadas no Concello, dado que son as que teñen preferencia. Rematado o prazo de matrícula, o resto das familias que solicitasen pero non estean empadroadas no Concello de Moeche deberán efectuar o pagamento unha vez que lle confirmen a praza desde o departamento de Benestar Social e Igualdade.

Documentación descargable (.pdf)

Ficha de inscrición Moeche PDF  DOC

Ficha médica PDF  DOC

Autorización sobre datos persoais e actividades PDF DOC