O vindeiro domingo 11 de outubro Moeche volve ofrecer a Feira das Fabas e este ano cadra coa feira mensual. Un tributo ás fabas, unha feira coa quere poñer en valor este produto, manter viva unha tradición do noso concello e promover a recuperación dun cultivo tan importante no pasado. Hoxe, a cousa é ben diferente, máis este legume pode ofrecer unha boa oportunidade para diversificar a economía do noso agro e levar as nosas mesas produto de boa calidade e  de proximidade. A feira é  unha oportunidade para conseguir o mellor produto e degustar unha das fabadas mais saborosas, da man da A.VV Labacengos, como xa é tradición.

O programa feiral está practicamente pechado e, igual ca na pasada edición, concentrarase entre as 10.00 e as 15.00h. Por coincidir con día de feira, os postos propios da Feira da Faba situaranse na nave recentemente rehabilitada, a do Centro de Desenvolvemento Económico e Social -CEDES-, onde  atoparemos fabas da máxima calidade traídas por pequenas explotacións da zona e de Lourenzá, ademais da variedade de postos da feira mensual, aos que sumarán postos de artesanía e doces.

A xornada estará amenizada pola actuación da Banda de Gaitas Alxibeira do Padroado da Cultura de  Naron, financiado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña, o concurso de debagado de fabas, o sorteo de lotes de produtos e a degustación a prezos populares, das saborosas e abundantes racións de fabada preparada pola AVV de Labacengos.

Programa da X Feira das Fabas de Moeche
10.00h Apertura dos postos de exposición e venda de faba.
12.15 h Actuación Banda de Gaitas do Padroado da Cultura  do Concello de Narón
12.30h Inicio da degustación de fabada (prezos populares) elaborada pola AVV de Labacengos
12.45h Concurso de debagado de fabas para persoas adultas e rapazada

13.45h Sorteo de lotes de produtos da feira. Os boletos entréganse de balde por cada compra de fabas efectuada na xornada.
15.00h Clausura da feira.

Nesta décima edición da feira das fabas de Moeche, o Concello conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña e da AVV de Labacengos