O próximo 18 de xullo finalizará o prazo de presentación de alegacións ao Parque Eólico Moeche, que nestes momentos se encontra de novo en exposición pública despois de que Enel Green Power modificase o proxecto para axeitalo á normativa ambiental e de protección do patrimonio. De acordo co novo deseño, o parque quedaría agora cunha poligonal máis reducida e con sete muíños que mudan de posición, conservando unha potencia instalada de 50,4 MW. Tal e como se anunciara a comezos de xuño, o Concello de Moeche ten previsto presentar obxeccións ao proxecto e, ademais, pon a disposición da veciñanza tanto os planos -que poden consultarse nas oficinas municipais en horario de mañá-, como o modelo de alegacións, descargable desde esta ligazón.
O escrito oponse ao parque argumentando, en primeiro lugar, a imposibilidade de analizar toda a documentación nos 30 días que se deron de prazo para alegar, pero tamén debulla outros fundamentos de tipo normativo.
Así, as alegacións sinalan que polo menos tres dos aeroxeradores proxectados estarían fóra da correspondente área de desenvolvemento eólico e incluso se apunta que o Estado pasase por alto que o P.E. Moeche forme parte dun macroproxecto “fragmentado artificialmente” e que, polo tanto, requiriría unha avaliación conxunta do seu impacto ambiental.
Tamén se enumeran ilegalidades procedimentais, como por exemplo que se lle conceda autorización ao parque sen que previamente se efectuase un trámite de información pública dos cambios aos que foi sometido o proxecto orixinal. Mesmo se argumenta que ao tratarse dun proxecto “modificado substancialmente”, a normativa autonómica obrigaría a separar os muíños dos núcleos rurais, como mínimo, cinco veces a altura total da máquina, incluída a buxa máis a pá. Posto que os aeroxeradores proxectados roldan os 200 metros de altura, a distancia que deberán gardar sería de 1.000 metros con respecto a “chan de núcleo rural, urbano ou rubanizable delimitado”. Todos os muíños planificados incumprirían ese requisito, xa que as distancias a vivendas andan entre os 520 e os 870 metros.
Despois de describir as “triquiñuelas utilizadas pola empresa” e “permitidas polo Ministerio” para que a variación do proxecto non sexa considerada unha modificación substancial (o que lle permitiría obviar o requisito da separación dos núcleos), o escrito de alegacións remata presentando como últimos argumentos que non se analizase a posible afectación a acuíferos e fontes e que tampouco se fixese un novo estudo do posible impacto acústico pola instalación de máquinas de maior potencia.
En base a estas e outras cuestións, o escrito solicita “que se lles dea trámite oportuno ás alegacións” e que o Estado “proceda a resolver negativamente a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto modificado do Parque Eólico Moeche”.
A veciñanza que desexe alegar pode cubrir, imprimir e rexistrar o documento, dirixido -segundo figura no encabezamento- á Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. O trámite pode facerse directamente no rexistro municipal ou ben na Sede Electrónica da Delegación (obrigatorio no caso de asociacións ou empresas).
Na Casa do Concello tamén están dispoñibles para consulta o proxecto do P.E. Moeche o do P.E. Badulaque, os dous que lle afectan directamente a Moeche. O prazo de alegacións remata o 18 de xullo.
Modelo de alegacións ao P.E. Moeche (en formato .DOC) É importante cubrir os datos de identificación e domicilio, ademais de asinar o documento antes de rexistralo
Acceso aos expedientes de información pública publicados pola Delegación do Goberno
Proxecto construtivo P.E. Moeche (312 MB)
Proxecto construtivo P.E. Badulaque (850 MB)
Últimos comentarios