As feiras de Moeche de principios do outono son desde antigo o lugar ao que hai que ir para atopar as mellores fabas producidas dentro e fóra do concello. Porén, nos últimos tempos a horta foi indo a menos malia o aumento da demanda nos mercados de proximidade. Para reactivar a produción e dinamizar os eventos comerciais en San Ramón, o Concello organiza desde hai tres anos a Feira da Faba, que nesta edición presenta dúas grandes novidades: o evento adiántase ao 20 de outubro -o ano pasado foi en novembro- e faise coincidir co Mercado de Moeche dos sábados pola mañá. A área de Desenvolvemento local busca desta maneira que a feira se consolide por si mesma e, de paso, que anime aínda máis o mercado semanal.

O programa completo da III Feira da Faba de Moeche  está xa pechado ao cento por cento desde hai varios días. Os postos  do mercado abrirán, coma sempre, ás 10.00h. e media hora despois farán o propio todos os expositores con fabas á venda de todas as clases. Confirmaron a súa asistencia os produtores e produtoras da cooperativa Terras da Mariña -con fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá-, Fabas Basanta, Legumes e fabas Sanjurjo e a empresa especializada en conservas vexetais Acastrexa, radicada na reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Os puntos de comercialización do legume estarán rodeados nesta cita doutro tipo de oferta, como é o caso dos chocolates de Bombóns Moreno, o mel das Grañas do Sor, a artesanía con plana do millo das Lolas da Cascarilla e as manufacturas en coiro de Ana e Marcus. Ao longo da xornada tamén poderemos ver distintos tipos de cestos tecidos nos obradoiros da Asociación veciñal do Val de Moeche.

A feira contará, ademais, con  propostas paralelas que buscan animar o evento. Así, ás 12.00h. está prevista a actuación do grupo de baile  Alxibeira, nacido en 1986 ao abeiro do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ofrecerán varias pezas do repertorio tradicional recollidas nalgúns casos polo propio colectivo, que acode a Moeche dentro da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Media hora despois, ás 12.30h., comezará o obradoiro para a rapazada “A pousada dos insectos”. Trátase dunha acción de aprendizaxe a través do xogo orientada a que as nenas e nenos vexan a importancia de cultivar a terra respectando a biodiversidade. A actividade -que durará arredor de hora e media- é gratuíta e as inscricións deberán facerse no recinto do mercado.

Fabas tamén para probar
Ademais de ofertar moita variedade de faba, a feira tamén dará opción de degustala. A asociación veciñal de Labacengos servirá das 12.00h. en diante racións de fabada ben cumpridas por tan só 3€. Pola súa banda, Acastrexa tamén dará a proba dunha hamburguesa vexetal elaborada con faba de ril, unha variedade procedente da comarca coruñesa das Mariñas que a firma está recuperando.

Por outra banda, no entorno do mercado tamén se poderá xantar polbo e churrasco e os bares e restaurantes próximos incluirán nos seus menús de comidas e petiscos elaboracións coa protagonista principal: a faba.