Desde a noitiña deste xoves 21 de xuño están publicadas no Facebook do Concello de Moeche as 18 instantáneas que participan no concurso fotográfico organizado co gallo da III Feira do Gando vacún, que terá lugar este sábado 23 no recinto de San Ramón. Ata o día 28 as persoas usuarias desta rede social poderán votar pola súa foto preferida dándolle ao “gústame” e, quen o prefira, terá a posibilidade de depositar o seu voto nunha urna que estará  colocada  mañá na nave do Mercado, xusto ao carón dunha exposición preparada polo Concello con todas as imaxes. O concurso ofrece tres premios: un para a foto con máis “gústames” e votos en urna, e outros dous adxudicados por un xurado entre aquelas fotos que mellor reflictan o labor gandeiro ou a vida no rural de Moeche. Os galardóns entregaranse o sábado 30 ás 12.00h. no propio Mercado de Moeche. 

O Concello  marcou nas bases unhas liñas xenéricas para que as fotos se axustasen a dúas categorías, por unha banda plasmar a actividade gandeira e, por outra, recoller calquera modo de vida no rural de Moeche. A partir destas premisas deuse total liberdade creativa e nos formatos, podendo elixir cadaquén se tiraba a foto cun móbil ou cunha cámara, se a facía en cor ou en branco e negro ou se compoñía desta ou daqueloutra maneira.

O resultado pode verse desde o xoves na galería publicada en Facebook, composta por 18 imaxes presentadas a concurso que seguen case todas o fío común de representar gando no seu entorno natural. Vacas e xatos rubios, algunha vaca frisona, nais parindo ou aleitando, mesmo algún burro e paisaxes laboreadas, forman un mosaico visual ben interesante que pon de manifesto a importancia do sector primario en Moeche e, máis que nada, o traballo de quen o sosteñen.

O concurso organizado polo Concello con motivo da III Feira do Gando vacún deste sábado outorgará tres premios, un elixido polo público a través das redes sociais e do voto en urna, e dous decididos por un xurado composto por profesionais da fotografía e representantes de entidades veciñais. Segundo as bases do certame,  no primeiro apartado que deberá avaliar o xurado premiarase a foto que mellor exprese o traballo cotián das gandeiras e gandeiros, mentres que na segunda categoría se xulgarán as fotografías que recollan calquera elemento ou escena representativa do modo de vida no territorio en conexión coa terra.

Os premios do xurado nestas dúas seccións serán un trofeo Irmandiña, un bono para as rutas xeolóxicas que organice o Concello durante este ano e entradas para a obra de teatro “A porta aberta do Castelo”. Para a foto elixida polo público haberá de premio un trofeo Irmandiña, entradas para a obra teatral e un bono individual para a temporada da piscina deste 2018. Tanto este como os outros dous galardóns do xurado entregaranse o sábado 30 de xuño ás 12.00h. no Mercado de Moeche.

Feira do 23 dedicada ao gando
A III Feira do Gando vacún de Moeche forma parte do calendario anual impulsado polo Concello co obxectivo de darlle pulo ao recinto de San Ramón como referente comercial en toda a comarca. Este 23 do mes de xuño o protagonismo será para a Rubia Galega, cunha exposición de animais procedentes de granxas inscritas no rexistro da ACRUGA, a asociación de criadores e criadoras que vela pola conservación e difusión desta raza do país.

Na cita, organizada en colaboración coas gandarías do municipio, exporanse arredor de 90 exemplares  entre vacas, xovencas, xatos e bois, criados maiormente en rexime extensivo, tal e como se fixo toda a vida e como agora mesmo reclama un mercado cada vez máis concienciado coa calidade e a sustentabilidade.

Unha das estrelas da exposición será a vaca Gallarda, que esta mesma noite de venres competirá no programa Luar da TVG por converterse en “Miss Vaca 2018”. O animal ten 13 anos e un porte impoñente, con extemidades ben aplomadas, lombo recto e unha capacidade corporal que mostra con claridade a súas aptitudes reprodutivas e para transmitir excepcionais condicións cárnicas á súa descendencia. Disque parte da elección da miss vacuna se fará por vía telefónica. Polo tanto, esta noite todo Moeche a apoiar a aspirante de San Xurxo.