En 15 días celebraremos o solsticio de verán coas tradicionais lumeiradas de San Xoán, e cómpre lembrar que é obrigatorio presentar comunicación previa ao Concello para a súa realización; débese indicar onde e cando se fan, de cara a que o Concello lla faga chegar despois ao Distrito forestal I de Ferrol.

Un ano máis as celebracións da noite de San Xoán están condicionadas pola actual crise sanitaria pola Covid-19. Por unha banda as fogueiras realizadas en terreo privado permitiránse sempre que cumpran coa normativa establecida, e neste sentido cabe destacar o anuncio da Consellería de Sanidade, pendente de publicación no DOG, da eliminación da prohibición de xuntanzas de persoas non conviventes entre a 01.00 e as 06.00h., así como das restricións para as reunións de grupos de non conviventes, de maneira que xa poderán reunirse máis de 6 persoas que non vivan xuntas tanto en espazos públicos como privados, aínda que se mantén a recomendación de limitar a interacción social e de evitar estes encontros.

Por outra banda, no referente ás fogueiras celebradas en espazos públicos, a día de hoxe, tal e como establece a orde de 28 de maio, non se poderán celebrar. Esta orde estará vixente ata o 12 de xuño, polo que haberá que agardar á vindeira semana para coñecer se a Consellería modifica esta normativa.

Coma cada ano hai que comunicar a realización do lume de San Xoán e hai que facelo a través do documento que ofrece o Concello. Débese entregar no rexistro da Casa do Concello, ben presencialmente de luns a venres, de 8.30 a 14.00 horas, ou ben na sede electrónica do Concello de Moeche www.moeche.gal.

Lembrade a obriga de adoptar determinadas precaucións así como as medidas de seguridade necesarias indicadas no Decreto 105/2006, do 22 de xullo, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, e demais normativa vixente neste eido.

– Antes de comezar, debemos limpar de calquera material combustible unha franxa de 5 metros arredor da fogueira e nunca preto de espazos con vexetación ou tendidos da luz ou do teléfono.
– Non facer a lumeirada se vai, moito vento antes de comezar ou unha vez acendido o lume, ou tamén se as condicións meteorolóxicas sexan adversas.
– Débese vixiar permanentemente o lume mentres estea acceso , incluso se hai brasas.
– Débese contar cos medios- auga suficiente- e persoas para controlar o lume
– Por sentido común, antes de abandonar o espazo, o lume debe estar totalmente apagado.
–En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Documentación descargable:

Modelo de comunicación previa