A última cita deste ano do Castelo de Sons propónnos para o serán deste sábado unha viaxe musical a través do tempo, percorrendo a música galega e portuguesa desde Martín Códax até a actualidade. Xoán Curiel e Iris Gey -Iris Gey e Xoán Curiel- interpretarán con axuda das súas voces e da guitarra pezas ben coñecidas que arrancan na poesía trovadoresca e que chegan aos nosos días, nun concerto acústico que gana enteiros en pequenos auditorios como é o caso da sala de usos múltiples do castelo. A sesión comeza ás 19.30h. con entradas a 2€ -1 euro con descontos- que se poden recoller ata o venres na Casa do Concello ou ben reservarse a través do 981 404 006. Cómpre non deixalas para última hora, xa que o aforo é limitado. 

Xoán Curiel é un dos nosos cantautores máis prolíficos, ademais de tocar tamén as artes escénicas. Desde que publicara en 2009 o seu disco “Nai”, van aló outros catro traballos: “Ecuacións”, “Magnético Zen”, “Estamos no verán!!” (con Charo Pita) e o máis novo, “A Casa do terror”, cada un co seu estilo pero sempre en galego. Nesta ocasión, Curiel súmase ao Castelo de Sons cunha escolma de poemas cantados da literatura galega, entre eles varios medievais, cos lle porá unha acaída banda sonora aos muros centenarios da fortaleza.

Porén, o artista non estará só, senón que acode á cita na compaña de Iris Gey. A filóloga, escritora e cantante  é a outra metade do proxecto “Ao encontro de Martín Códax” que ambos estiveron movendo por distintos escenarios nos últimos meses, coincidindo coa estadía en Galicia do Pergamiño Vindel onde se recollen sete das cantigas de amigo atribuídas ao xograr.

A poesía galego-portuguesa será o punto de arranque cronolóxico dunha viaxe que parará noutros fitos da nosa lírica -Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, etc.- e que mesmo nos traerá aires sonoros da outra banda do Atlántico.

O espectáculo acústico incluído no programa Castelo de Sons chega a Moeche en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prezo xeral das entradas son 2€, aínda que a rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as titulares do Carné Xove só terán que pagar 1€. Os billetes, como é habitual, poden collerse directamente no castelo. Con todo, e dado que o recinto ten un aforo limitado, recoméndase retiralos por semana pasando polo Concello ou reservalos chamando en horario de mañá de luns a venres ao 981 404 006.

O Castelo de Sons finaliza con Gey e Curiel a súa edición de 2018, na que anteriormente puidemos asistir ao concerto de Tres Pesos presentando o seu disco “Acta fundacional” e a unha charla sobre a evolución do estandarte real galego. Este programa cultural impulsado pola área de Cultura naceu con dous obxectivos: ampliar a oferta cultural do Concello con espectáculos alternativos e, por outra, promover o castelo de Moeche como espazo vinculado ao lecer, a creación e o coñecemento máis aló do seu valor patrimonial.