Este Martes de Entroido é festivo local en Moeche e día das máscaras por excelencia no concello. A área de Cultura organiza na nave do mercado unha festa familiar que empeza ás 16.30h. e que se prolongará até a noitiña cargada de propostas: xogos e bailes para a rapazada, inchables, chocolate con churros de merenda e, por suposto, premios para os mellores disfraces en colaboración coa hostalaría do municipio.

A cativería terá no fondo da nave, como vén sendo habitual, un grande castelo inchable e máis unha cama elástica para subir, saltar e arrolar cantas veces queiran. Porén, para a rapazada tamén haberá un pequeno obradoiro de deseño de máscaras con material de reciclaxe e a sempre exitosa sesión de cancións e bailes animada por LaGuaGua.

Serán precisamente os seus monitores e monitoras quen se encargarán de coordinar o pase de disfraces por diante do xurado que elixirá as mellores máscaras. Os premios son os seguintes:

  • Tres premios  para os mellores disfraces infantís: vales de 15€ canxeables na Libraría Brétema.
  • Un premio para o mellor disfrace na categoría adulta: un vale de 30€ canxeable en dous postos do Mercado de Moeche
  • Un premio para o grupo máis numeroso e outro para o mellor grupo: cadanseu vale de 75€ para gastar nalgún dos establecementos hostaleiros que colaboran co evento, é dicir, Bar Ubaldo, Taberna Irmandiños, Mesón O Campo, Casa Pena, Bar Toñito, Café Bar A Terraza, Bar Xambas e Restaurante Delfino.

Alén dos premios e da troula que encherá a nave do mercado, cara á parte final da tarde tamén  se servirá chocolate con churros.