O 12 de decembro, o local social de Abade acollerá unha nova xornada de convivencia interxeneracional, unha iniciativa coa que o Concello de Moeche busca reforzar os vínculos comunitarios e promover un espazo de encontro entre as persoas maiores e a rapazada do Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA).

A proposta nace coa vontade de favorecer o diálogo entre xeracións, recoñecendo o valor da experiencia das persoas maiores e, ao mesmo tempo, a visión crítica e creativa da infancia e da adolescencia. Ao longo da tarde desenvolveranse dinámicas participativas e momentos de convivencia que axudan a combater estereotipos, visibilizar dereitos e fomentar unha participación social máis inclusiva.

A xornada estrutúrase do seguinte xeito:

  • 17:00 h · Obradoiro participativo sobre dereitos e participación social, no que maiores e menores poderán compartir reflexións, experiencias e propostas.

  • 18:30 h · Merenda compartida para seguir fortalecendo a convivencia nun ambiente distendido.

  • 19:00 h · Representación teatral As historias do avó Manuel, unha peza que recolle vivencias, lembranzas e a importancia da transmisión interxeracional.

Esta actividade está organizada polos Servizos Sociais do Concello de Moeche e conta coa subvención da Deputación da Coruña ao abeiro do programa de subvención a concellos para financiar actividades de envellecemento activo e actuacións de loita contra a soidade non desexada no ano 2025. 

A veciñanza está convidada a participar e a facer deste encontro unha oportunidade para fortalecer a nosa comunidade a través do respecto, a colaboración e o intercambio entre xeracións.