Moeche, terra de feiras

A Feira de Moeche

Os días 11 e 23 de cada mes

O 11 e o 23 de cada mes Moeche énchese de vida e actividade coa naturalidade que dan os moitos anos de celebración da Feira, converténdose nun alicerce da economía modestina, produtos locais, noces, embutidos, mel, pan, empanadas, queixos, verdura fresca, froita, legumes…, o polbo á feira, a visita ao mercado do gando, os tecidos, as plantas e flores, as ferramentas, as monturas e aparellos…Tradición e autenticidade van da man nun mercado onde aínda se mantén a venda de gando dun xeito activo.

A Feira en Moeche conserva o tradicional e fundamental papel que xogaron as feiras na economía rural, os seus comezos están vinculados á actividade comercial favorecida polos excedentes agrícolas da primitiva vila romana, aos que se irían sumando os produtos artesanais e burgueses, legalmente regulados a partir dunha concesión real.

A importancia das feiras parece ir en aumento durante o baixo medievo e a Idade Moderna. Un escrito de 1626 sobre as transaccións comerciais entre dous mercaderes de Ferrol e Pontedeume, constata a celebración dun mercado cada 15 de agosto próximo á capela de San Xiao dos Osos (Labacengos) con motivo da festa relixiosa.

A Feira de Moeche aparece xa referenciada en documentos do século XVIII en que se reflicte o traslado da Feira da freguesía de San Xurxo para a freguesía de San Xoán. Un documento de 1731 , un “Pleito entre el procurador general y demás vecinos de San Juan de Moeche (A Coruña), contra el procurador y vecinos de la feligresía de San Jorge de Moeche (A Coruña), sobre permanencia de una feria” certifica a primitiva localización da feira modestina: “… antis de agora se celebraba feria en la antigua feligresía de San Jorge y junto a la iglesia parroquial de ella y en virtud de Real Cédula se mudó y trasladó en el sitio y junto al santuario de Nuestra Señora de Balocos y San Ramón Nonato, la cual se hacía cada un año”. E dende aquela segue ahí.

Inicialmente a feira era anual ao estar relacionada coa festividade do patrón o día 23 de abril. Logo pasaría a ser quincenal (11 e 23 de cada mes).

Ata non hai moitos anos, a feira do gando desenvolvíase na zona que hoxe está ocupada polos terreos da Casa do Concello. Agora, pola contra, dispón o recinto feiral de naves cubertas para acoller ao gando, ou destinadas a distintos usos: saneamento, exposición gandeira, adestramento permanente de cabalos e outras especialidades.

O 23 de Abril

A feira do cabalo

Coñecida tamén como a Feira do Cabalo, ten lugar desde tempos inmemoriais, o que a converte nunha das feiras de maior tradición e arraigo do mundo equino en Galicia. Danse cita ano tras ano as persoas afeccionadas ao mundo ecuestre de toda Galicia, norte de Portugal e Asturias. Durante o día pódese contemplar fermosos exemplares de caballos e égoas e gozar de distintas actividades como carreiras de velocidade, probas de andadura, trote ou de carros, con atractivos premios, convocadas pola entidade sen fin de lucro “Asociación Ecuestre 23 de Abril” coa colaboración da Depuración da Coruña e do Concello de Moeche.
Completa a xornada o tradicional mercado, coa compra-venda de animais e de todo tipo de arreos, os postos de produtos locais e os espazos para degustar o “polbo á feira”, ou xantar en calquera dos establecementos de hostelaría situados no contorno do recinto feira.

Feira do gando

Mercado semanal el feira anual

Moeche acolle todos os martes no seu recinto feiral o “mercado do gando”, nunha nave onde se desenvolven os tratos e acordos mantendo unha vella tradición.
O pasado ano 2016 o Concello de Moeche e un amplo grupo de gandeiros e gandeiras do municipio e dos arredores puxeron en marcha a I Feira do Gando Vacún, co obxectivo de ir recuperando e dinamizando este tipo de feira. Esta feira ofrece unha mostra dos mellores exemplares, algúns deles da ACRUGA, das explotacións de Moeche e do conxunto da comarca.

Feira do queixo

Produto de Moeche e comarca

A Feira do Queixo é unha nova feira monográfica que nace en marzo de 2016 co fin de impulsar o recinto feiral do concello e un produto local característico do municipio, o Queixo de Moeche, ao tempo que axuda a poñer en valor un sector foi castigado, o sector lácteo, que resulta fundamental nos concellos rurais.

Os mellores mestres queixeiros galegos acoden a esta cita, onde se presentan os queixos artesáns e novidoso máis recentes, onde prima a calidade e a orixinalidade, e onde os queixos do concello e da comarca xogan un papel protagonista acompañados de queixos de Asturias, León, Castela, Suiza, Alemania e Italia. O evento complétase con obradoiros para os máis pequenos e espetáculos musicais, o que logra un ambiente agradable para todos os públicos.

A excelente acollida do público a esta feira fai que se manteña xa como unha cita cita fixa no mes de marzo.

Feira das fabas

Recuperando unha feira tradicional

Moeche ten longa tradición en ofrecer unha boa feira das fabas a comezos do outono. Noutros tempos viñan  comerciantes de Asturias mercar as fabas a Moeche dándolle forza á feira, mais nos últimos anos foi esmorecendo e déixouse de realizar.

No ano 2016 o Concello apostou por recuperarla e tivo unha excelente acollida. Recuperouse como espazo para o produto local e para as fabas de Lourenzá, constituindo un evento que debe ir medrando e consolidándose.