Localización e Historia

Terra a nosa!

Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país;
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa,
que anos conta sin fin,
¡que contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!
                Rosalía de Castro (Follas Novas)

Situación xeográfica

O Concello de Moeche está formado por cinco parroquias: Abade, Labacengos, Santa Cruz , San Xoán  e San Xurxo. A poboación no  ano 2016 é de 1240  habitantes.

Pertence a comarca de Ferrolterra e localízase no extremo norte da provincia da Coruña. Ten unha extensión de 48,5 km2, e linda polo leste coas Somozas, polo sur con San Sadurniño, polo oeste con San Sadurniño e Valdoviño e polo norte con Cerdido. A capital municipal é o lugar de San Ramón, na parroquia  de San Xoán, situada a setenta quiilómetros da capital provincial.

O municipio ocupa unha zona montañosa ao norte, onde se sitúan as parroquias de Abade, Labacengos e Santa Cruz e outra zona de val coas súas bocarribeiras cara ao sur e sureste, ocupada polas parroquias de San Xoán e San Xurxo.

O  val  de San Xurxo formado polo río Grande de Xubia e os seus afluentes é de gran beleza e obriga a deterse cando se viaxa pola estrada DP-4904, unha das vías de comunicación, para gozar da excepcional paisaxe. A liña férrea de Ferrol a Xixón atravesa estas terras e conta cos apeadoiros de Moeche, Labacengos, A Palla, e Entrambarrías e dentro do seu termo municipal a chamada “estación de Cerdido”

Xeograficamente, as maiores altitudes localízanse na Pena da Cabra (368 m), Monte Agudo (371m) e o Alto do Cadaval (383 m).

Moeche ten un clima oceánico e unhas temperaturas suaves cunha media anual de 12,5 grados.

A nosa historia

O nome do Concello ten a súa orixe na vila que fundou un cabaleiro chamado Modesto (Vila Modesti) antes do século X. Mais é xa do século VI  a primeira referencia a estas terras por escrito nun documento no que se nomea unha das parroquias como Lapatiencos, a actual Labacengos.

Sábese que na segunda metade do século XV as parroquias de Santa Cruz e San Xurxo pertencían a García Rodríguez de Varcarcel (señor das Pontes), por concesión de Henrique de Trastámara.

A historia de Moeche medra á sombra do seu castelo. A fortaleza foi edificada por Fernán Pérez de Andrade ”O Bo”, a finais do século XIV, como as de Vilalba e de Andrade, co fin de contar con varios puntos de defensa nas súas enormes posesións da comarca eumesa. Ademais estas víronse incrementadas coa incorporación da fortaleza de Narahío. Deste xeito, as tres formaban un triángulo coa fortaleza de Moeche no centro.

Moeche foi un dos escenarios  da Revolta Irmandiña, unha das primeiras revoltas sociais de Europa e feito de gran transcendencia na historia do noso país. Produciuse no Castelo durante a Revolta Irmandiña no ano 1431, os primeiros Irmandiños, membros da Irmandade Fusquenlla dende Ferrol, liderados por Roi Xordo, un fidalgo da Casa dos Andrade, intentaron atacar a Nuno Freire de Andrade ”O Mao” que se atopaba na fortaleza de Moeche. Mais este antes de se ver acurralado fuxiu ao castelo dos Andrade en Pontedeume. Os irmandiños encolerizados derrubaron o castelo de Moeche. Cando chegaron a Pontedeume o señor feudal e os seus ían cara a Santiago de Compostela, onde o arzobispo os acolleu e lles axudou a reorganizar o seu exército, co que posteriormente derrotaron esta primeira revolta irmandiña.

A segunda Revolta Irmandiña protagonízase no ano 1467, entón Moeche pertencía ó Conde de Lemos. Derrotados os Irmandiños foron obrigados a reconstruir todo o que destruiran. A historia conta que foi o Conde de Lemos, Pedro Alvarez Osorio, o que ordenou iniciar as obras da fortaleza. No século XVI, o Castelo figura como cárcel da xurisdición coñecida como Estado de Moeche.

Ata finais do século XIX a construcción conservouse en bo estado, momento en que a duquesa de Alba, herdeira dos condados de Lemos e Andrade, sacouna a poxa indicando no documento que se poñía á venda como “pedra de montón”. Mais foron as demandas e presións veciñais, encabezadas por Federico Maciñeira , as que evitaron que se demolese o castelo, ainda que moita pedra foi arrancada do castelo, e este perdeu moitos dos seus elementos construtivos como muros, ameas, tellados ou corredores.

Á sombra del permanecen multitude de igrexas, ermidas, castros, hórreos, pazos, muíños e lugares para o lecer na natureza dentro das cinco parroquias, que son un selo indiscutible da historia deste pobo.