O espazo Coworking da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela acolleu esta semana a sexta reunión de coordinación da Rede Provincial de espazos de traballo colaborativo promovidos pola Deputación da Coruña ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL). Unha iniciativa da que xa xurdiron once instalacións de coworking con 73 proxectos en marcha e cerca dun cento de persoas traballando e creando sinerxias entre elas. A xuntanza celebrada en Santiago abordou a actualización do protocolo de actuacións comúns da rede, así como outros aspectos relacionados coa xestión, como por exemplo a ciberseguridade ou os prezos públicos polo uso das instalacións e os servizos que se ofrecen en cada centro.

A Fusquenlla, que é un deses centros, participou na reunión e presentou como exemplo de boas prácticas a ordenanza fiscal aprobada en setembro pasado polo Concello de Moeche.

A ordenanza vén regular as taxas polos usos dos espazos comúns e dos equipamentos para a elaboración de produtos de horta e froita deste centro de transformación situado no recinto feiral de San Ramón.

Cunha redacción moi concreta e resumida defínense, en primeiro lugar, os tipos de persoas usuarias, diferenciando entre “produtoras” -as usuarias principais que utilizan a infraestrutura despois de recibiren a formación técnica requirida- e as denominadas como “acompañantes”, que son aquelas que lle axudan ás produtoras e produtores nos procesos de elaboración.

Para ter a consideración de persoa produtora principal é necesario superar antes o curso de 28 horas ofrecido pola Fusquenlla, no que ademais de ver cuestións relacionadas coas técnicas de transformación tamén se abordan conceptos de seguridade, hixiene e trazabilidade alimentaria, xunto coa capacitación no manexo do equipamento dispoñible no centro.

Os cursos teñen un cupo de entre 15 e 20 persoas e están organizándose cada certo tempo (neste momento está en marcha o cuarto, que remata o 19 de abril). Aínda que están abertos a profesionais e particulares, no acceso estáselle dando prioridade a titulares de pequenas explotacións que buscan maior valor engadido para os seus produtos por medio da elaboración de conservas vexetais, salsas, marmeladas ou zumes.

Por outro lado, para poder acceder ao centro como persoa acompañante de apoio a un produtor ou produtora principal cómpre superar o curso de hixiene alimentaria impartido nas instalacións, neste caso cunha duración total de 5 horas. Estas accións formativas están completándose cos nomes facilitados por aquelas produtorase produtores principais que xa fixeron o curso longo. O seguinte comeza o próximo 20 de abril.

Taxas que fomentan o traballo compartido
A ordenanza reguladora das taxas da Fusquenlla establece importes que varían dependendo do número de horas en que se utilicen as instalacións durante unha mesma xornada: 4€/hora entre a primeira e a terceira hora de utilización, 3€/hora entre a cuarta e a sexta e 2,50€ a partir da sétima hora.

Contémplase a opción de que varias persoas produtoras se coordinen para empregar as instalacións ao mesmo tempo aboando o importe da taxa coma se fose unha única usuaria e poñendo a maiores cada unha delas 0,50€ por hora de uso.

Con esta posibilidade recollida na ordenanza preténdese fomentar o traballo colaborativo e as sinerxias entre produtoras e produtores, ademais dun uso máis eficiente e sostible do servizo.
Manolo Varela, concelleiro de San Sadurniño, actuou de representante da Fusquenlla e explicou en Santiago os pormenores do funcionamento dun espazo que xa conta con 110 persoas certificadas como usuarias -70 produtoras e produtores principais e 40 axudantes – provenientes “de distintos puntos da provincia.

Cabe destacar, ademais, o compromiso da Deputación e dos concellos cun proxecto impulsado por Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño ao que recentemente tamén se uniron Narón, As Pontes e Cedeira.

Dos once espazos que forman parte neste momento da Rede Coworking da Deputación da Coruña, A Fusquenlla é a que conta con maior implicación municipal. Xa son sete os concellos que apoian e respaldan a viabilidade desta iniciativa que trascende o ámbito comarcal, coa finalidade de dinamizar o rural poñendo en valor o potencial que sempre tivo.