No Castelo de Moeche desde o 25 de xullo, no alto da Torre de Homenaxe, locen o estandarte que representou ao reino de Galicia a comezos do século XVI -o copón con fondo azul sementado de cruces- e a bandeira galega. O estandarte medieval correspóndese coa época en que a fortaleza de Moeche desempeñou un papel destacado “na historia do reino de Galicia e na memoria colectiva do pobo galego” e acadou a súa forma actual. O Castelo de Moeche súmase asi, co estandarte correspondente á súa época de maior relevancia histórica, ao que é habitual en moitas fortalezas en Europa e en diferentes puntos do Estado e, ao tempo, difunde o coñecemento da nosa historia propia. Durante todo o ano a bandeira co estandarte estará tamén presente no interior do centro de interpretación das Revoltas Irmandiñas, acompañado dun texto explicativo autoría do historiador Alexandre Peres Vigo.
Un dos primeiros reinos de Europa -seguramente o primeiro- foi o reino suevo de Gallaecia, fundado no século V, que abranguía a metade noroeste da península, desde o Texo ata parte da cornixa cantábrica. O que descoñecemos son os símbolos que empregaban aqueles reis para se identificaren. De feito, hai que agardar até o século XI para atopar constancia do primeiro escudo dun monarca galego e avanzar dous séculos máis para intuír o que hoxe é a nosa insignia, ou alomenos o primeiro exemplo dun símbolo do Reino de Galicia, que aínda cambiaría varias veces nos seguintes 600 anos. De todo iso falou, a finais de 2018, no castelo de Moeche o experto da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo, na que foi a primeira actividade do programa Castelo de Sons. A raíz daquela intervención, o Goberno municipal, consciente de necesidade de colaborar no coñecemento da nosa historia propia, comprometeuse a que no Castelo luciría, – como acontece en moitas fortalezas en Europa e en diferentes puntos do Estado- o estandarte correspondente á súa época de maior relevancia histórica. Alexandre Peres colaborou coa redacción dun breve informe para o Concello de Moeche, texto que de forma resumida figurará a partir da próxima semana nas salas de exposición do castelo. Así mesmo, no outro extremo da torre ondea a bandeira galega, que vén substitutir a anterior, moi deteriorada.
O Castelo representa unha das xoias máis emblemáticas da arquitectura militar realizadas no reino de Galiza durante a Idade Media. Tradicionalmente vinculada á poderosa liñaxe dos Andrade, sen dúbida, a historia deste castelo atópase marcada polas “Guerras Irmandiñas”, contendas armadas que ao longo do século XV enfrontaron a exércitos de labregos, burgueses e fidalgos, coñecidos como “Irmandiños”, contra algúns dos nobres máis poderosos de Galiza, tendo, entre outros, a este castelo como escenario bélico.
Entre finais do século XV e comezos do XVI o castelo adquire a súa aparencia actual logo que Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos, ordene a reconstrución do castelo de Moeche, que fora derruído polas Revoslta Irmandiñas. É precisamente nese intervalo de tempo cando o escudo e estandarte do reino de Galiza comeza a dar mostras de cambio. Por unha parte, o cáliz, visible xa en compilacións como o Segar’s Roll (1282), adquirirá a forma de copón, tal e como se observa en armoriais como o de Diego Hernández de Mendoza (ca.1497) ou no Armorial Bergshammar (ca.1450). Por outra parte, o tradicional fondo ou campo de azur, comezará a incorporar un sementado, primeiramente de trevos (Armorial Coislin-Séguie e Jean Faucquet), e posteriormente de cruces, tal e como se aprecia, entre outros, na Carta Itineraria Europae (1520) de Waldseemüller, no Palais de Franc de Bruges (1528) así como nas “Pompas fúnebres do emperador Carlos V” dos irmáns Doetecum.
Reproducindo fielmente este último e como símbolo do destacado papel que o castelo de Moeche xogou non na memoria colectiva do pobo galego, hoxe a Torre de Homenaxe loce o estandarte que representou ao reino desde comezos do século XVI, momento en que o castelo acadaría a súa fisionomía actual, e faino acompañado da bandeira galega.
Trackbacks/Pingbacks