O Concello actualiza a primeiros de ano as bolsas de contratación para os postos de condutor ou condutora e de peón ou peoa de obras. Entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro está aberto o prazo para que calquera persoa que cumpra os requisitos se apunte nelas ou para que as persoas xa inscritas poidan actualizar os seus méritos e, en consecuencia, a súa puntuación. O obxectivo destas listas é dispor en todo momento dunha relación de persoas que poidan ser chamadas para traballar no caso de vacantes, vacacións, incapacidades temporais e permisos. O procedemento de conformación e actualización das bolsas está recollido nas bases publicadas en abril de 2017, que poden consultarse desde esta ligazón.
As bolsas aféctanlle exclusivamente á cobertura temporal dos postos de condutor operario e de peón de obras e servizos municipais. Os requisitos xenéricos para entrar formar parte das listas son o de ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea -ou ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións-, ou incluso é posible acceder a elas sendo doutros países sempre que se teña residencia legal en España. Tamén é necesario ter feitos os 16 anos, dispor da titulación requirida para cada praza, non encontrarse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e, por último, que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco algún expediente disciplinario que arrede ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.
Os requisitos específicos para a bolsa de condutor/a operario/a son o de ter o título da ESO ou equivalente, posuír a acreditación de coñecemento do galego CELGA 3, dispor de permiso de conducir C e contar co Certificado de aptitude profesional (CAP). No caso da bolsa de peón ou peoa de obras e servizos, as persoas aspirantes deberán acreditar que dispoñen do título de graduado escolar ou equivalente, do CELGA 2 e do carné de conducir B.
Todas estas condicións -tanto as xerais como as específicas- deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que ha de rexistrarse no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir e unha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados nos que se baseará a asignación das puntuacións, como son os cursos oficiais, as titulacións académicas, a experiencia laboral na Administración ou na empresa privada e o título do coñecemento do galego. Ademais, para a praza de condución tamén fará falla achegar a fotocopia compulsada do certificado de aptitude profesional.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos finaliza o 14 de febreiro. A partir de aí reunirase a Comisión de valoración para analizar toda a documentación. No caso das actualizacións revisará a información e, de ser o caso, modificará as puntuacións que tivesen as persoas inscritas en cada unha das listas. No caso de novas inscricións comprobarase o cumprimento dos requisitos xerais e específicos e sumaranse os puntos outorgados dependendo dos méritos que se presenten.
Unha vez feitas as baremacións, a Comisión seleccionadora confeccionará as novas listas, que se exporán ao público por se houbese algunha reclamación. Superado este trámite, as bolsas elevaranse a definitivas e estarán en vigor ata o ano seguinte, cando volverá abrirse o proceso de actualización e incorporación. Iso si, as persoas integrantes de calquera das dúas listas poderán solicitar por escrito e en calquera momento a súa baixa nelas.
Máis información:
Bases das bolsas de contratación e anexos de solicitude (.pdf)
✌???? nin graduado, nin a E.S.O, o cal quere dicir (nada)??♂️. Haberá que tomar medidas e sacar polo menos o graduado.??♂️