A Xunta de Goberno Local do Concello de Moeche acaba de aprobar adxudicarlle a José No Mantiñán e Hijos o contrato de reparación das beirarrúas que enlazan o Centro de Saúde coa estrada da Feira. Trátase dunha obra financiada integramente con fondos do POS+ provincial coa que se pretende mellorar a seguridade nos arredores do consultorio médico e da rúa Andrés Pérez Soto facendo das marxes desta estrada un entorno moito máis cómodo e accesible para o tránsito peonil. O importe dos traballos ascenderá a 61.044 euros, IVE incluído, que veñen sendo 600 por baixo do prezo dunha licitación aberta o pasado mes de maio á que só concorreu a empresa adxudicataria. O procedemento administrativo viuse ralentizado polas eleccións municipais e por ter que agardar a que se constituíse a nova Mesa de Contratación. Unha vez asinado o contrato, a obra deberá quedar lista nun prazo máximo de catro meses.
O proxecto técnico establece que o perímetro do Centro de Saúde levará un novo pavimento de formigón impreso e coloreado, seguindo a mesma solución técnica que o Concello xa puxo en práctica na zona de Abade, co obxectivo de reducir custes futuros de mantemento, ademais de lograr un mellor acabado estético.
A contorna do centro médico levará beirarrúas máis anchas de cara a facelas máis accesibles, tendo moi en conta as necesidades das persoas usuarias, en moitos casos de idade avanzada e/ou con mobilidade reducida. Por outra banda, e coa mesma finalidade, dentro do proxecto tamén se estenderán novas beirarrúas en ambas marxes da rúa Andrés Pérez Soto.
Na fachada leste do Centro de Saúde aproveitarase a demolición das beirarrúas actuais para retranquear o bordo a 2 m desde a posición actual, de maneira que se reducirá lixeiramente a medida para o paso peonil a cambio de ganar espazo de estacionamento en batería xusto diante do edificio sanitario. A intervención tamén contempla instalar novos bancos nos arredores.
A reposición de beirarrúas seguirá durante algo máis de 30 m cara á dereita, xa pola estrada da Feira, ata chegar ao remate dun muro existente despois do bar Sixto. Nesta zona o bordo irá enrasado coa calzada para facilitar o acceso de cadeiras de rodas, o mesmo que nos rebaixes para os pasos peonís, onde se botarán dous tipos de pavimento táctil para axudarlles ás persoas con problemas de visión: un de botóns xusto no paso e outro de barras direccionais en sentido transversal ao itinerario peonil.
A obra que se vai executar levará, por último, unha canaleta con reixa ao longo da fachada do Centro de Saúde para a recollida da auga de chuvia proveniente das baixantes, reducindo así a posibilidade de esvaramentos.
Últimos comentarios