Moeche completou recentemente a rolda de xuntanzas polas distintas parroquias co obxectivo de tomarlle o pulso ao territorio e recoller propostas de obras e outros proxectos que se deberían levar a cabo de cara ao ano que entra. O Goberno local destaca a alta participación veciñal en todos os encontros que, en conxunto, pasaron do dobre con respecto ao ano pasado. E  é que se en 2017 o calendario de asembleas logrou reunir a unha trintena de veciños e veciñas, neste do 2018 a cifra elevouse a 69. Tamén se incrementaron o número de ideas formuladas -cerca de 40-, na súa maior parte centradas en melloras de servizos e de infraestruturas básicas. 

Para Beatriz Bascoy o éxito deste ano obedece “ao retorno que aprecia a xente despois de presentar as súas ideas, é dicir, a veciñanza ve que a maioría das súas propostas acaban saíndo adiante e iso fai que dun ano para outro se incremente a participación”. A rexedora local engade, por outra banda, que “en moitos casos” as achegas veciñais son “cuestións puntuais doadas de solucionar dentro do programa xeral de mantemento do Concello, aínda que tamén hai outras que requiren un estudo con máis detemento e tamén maiores recursos económicos que, se cadra, non fan posible unha solución inmediata a non ser con axuda doutras administracións”.

A maioría das peticións recollidas polo equipo de goberno refírense á rede viaria municipal, xa sexan asfaltados completos, reparacións puntuais ou dotación de sinalización. De feito, das 37 iniciativas achegadas pola veciñanza entrarían neste apartado alomenos 18. No capítulo das infraestruturas tamén houbo suxestións de que se colocasen máis bases para colectores de lixo, máis marquesiñas e que se ampliasen liñas de iluminación pública e abastecementos de auga potable, ademais de solicitar o amaño dalgunhas canalizacións de pluviais.

Porén, xunto cos servizos básicos, nas xuntanzas celebradas nas cinco parroquias tamén se falou doutros asuntos que atinxen á conservación do patrimonio e de equipamentos de uso social. Foi o caso, entre outras, da solicitude de información sobre o estado do proxecto do novo aparcadoiro ao pé da igrexa de Santa Cruz, da petición dun peche reforzado para o foxo do castelo ou o interese en que se instalen  porteirías na área recreativa de Soutogrande.

O terceiro grande capítulo en que se poderían encadrar os temas tratados nas asembleas atende a “preocupacións veciñais sobre cuestións moi variadas e igualmente importantes”, asegura Bascoy. Así, segundo resume a alcaldesa, “en Labacengos a xente quéixase da precariedade do transporte ferroviario, en Santa Cruz volveron alertar dos cheiros que veñen das Somozas e mostraron a súa preocupación polo tema dos tecnosolos. En relación co ambiente en San Xurxo tamén se interesaron polo cesamento do servizo de recollida de plásticos agrícolas por parte da Xunta”. Canda estes asuntos tamén se plantexou a posibilidade dunha maior implicación municipal na organización do 40º Festival Irmandiño e a de que o Concello ofreza un servizo de asesoramento catastral que complemente o actual servizo de información neste ámbito.

A alcaldesa comenta que todos os encontros mantidos nas parroquias “foron de grande interese pola cantidade de propostas que se fixeron e polo seu contido”. Para Beatriz Bascoy as asembleas son, ademais, “unha boa oportunidade para tomarlle o pulso ao funcionamento do Concello. A xente fala abertamente da xestión  municipal, das cousas que funcionan ben e daquelas nas que cómpre mellorar, algo que a nós como goberno nos é de moita axuda á hora de planificar investimentos e servizos”.