O Concello contratou a principios de ano a realización dun novo inventario de camiños de todo o municipio. Un traballo que se desenvolveu ao longo de seis meses -retrasado pola situación sanitaria- co que agora se ten unha relación completa das pistas públicas con información sobre a súa situación, referencia catastral, lonxitude, largura, tipo de firme e estado de conservación. Ademais, o labor desenvolvido pola empresa local Ámbita Oficina Técnica vai máis aló dun laborioso traballo de identificación cartográfica, posto que o contrato tamén leva aparellado un aplicativo informático que lle permitirá á veciñanza -e tamén ao persoal muncipal- consultar e descargar os datos actualizados en calquera momento e desde calquera dispositivo. Os documentos básicos exporanse ao público entre o 13 de outubro e o 14 de novembro para que a veciñanza poida solicitar cambios ou propor achegas antes da preceptiva aprobación plenaria. A consulta poderá facerse de luns a venres na Casa do Concello -en horario de 9 a 14.00h.- e os sábados de 10.00 a 14.00h. na Nave do Mercado. Na web tamén estará dispoñible un formulario para presentar alegacións, que deberán ir acompañadas da documentación acreditativa do que se expoña na petición.

Este período de exposición previa á aprobación inicial pretende ultimar detalles que logo se incorporarán ás fichas individuais de cada camiño e, ao mesmo tempo, pasar o filtro veciñal para detectar posibles erros que conteña a información, sobre todo os referidos á titulariedade das pistas. Tal e como sinala a alcaldesa, Beatriz Bascoy, o obxectivo municipal é que o documento “chegue ao Pleno co formato practicamente definitivo, polo que é moi importante que as veciñas e veciños se impliquen durante as próximas semanas na revisión dos planos e en formular as alegacións que estimen oportunas”.

A rexedora local destaca tamén o “grande valor” que ten o novo proxecto de inventario por varias razóns. A primeira é que “se actualiza un documento básico para o funcionamento municipal e para a definición de obras de mellora e conservación na nosa rede viaria”. A segunda é que “se ten un coñecemento exacto daquelas que son públicas e cales son privadas”. E, a terceira vantaxe, que o inventario “estará dispoñible en liña de maneira que se poida acceder a el desde a casa ou desde o móbil sen ter que pasar polo Concello, coa vantaxe de que os datos de cada ficha sempre estarán actualizados”.

Esta última é, se cadra, a principal novidade do novo inventario de camiños de Moeche. No traballo de campo identíficáronse preto de 600 eixos viarios públicos repartidos polas cinco parroquias. De cada un deles elaborouse unha ficha con datos GPS sobre a súa localización exacta, a referencia catastral, o punto de inicio e remate, a lonxitude, o largo medio, o tipo de firme que ten neste momento e unha breve descrición sobre o seu estado de conservación.

Toda esta información é a que esixe a Lei de estradas de Galicia aprobada en 2013. Pero o Concello quixo ir un paso máis aló e, en colaboración coa empresa local Ámbita Oficina Técnica -adxudicataria dos traballos-, deseñou un aplicativo que faga os datos accesibles desde móbiles, táblets ou ordenadores, evitando desprazamentos innecesarios ás oficinas municipais para pedir a información en papel.

Por exemplo, se estamos en calquera pista do territorio poderemos coller o móbil, entrar na web do inventario e, activando a xeolocalización do noso dispositivo, saber ao momento se se trata dun camiño público. Veremos a información básica e o trazado sobre unha ortofoto recente e, ademais, tamén poderemos seleccionar outras capas de imaxe, como por exemplo as do voo americano de 1956, as do Catastro e incluso as do plano de concentracións parcelarias, tanto as que se executaron como as que quedaron planificadas e non chegaron a levarse á práctica.

O aplicativo -que se activará unha vez que o inventario se aprobe con carácter definitivo- tamén permitirá facer buscas por lugares e descargar as fichas individuais de calquera camiño municipal. A diferenza de servizos similares ofrecidos por outros concellos e institucións, o de Moeche será dinámico. Isto quere dicir que o persoal municipal poderá modificar  desde o apartado de xestión da web a información descritiva contida nos planos, co obxectivo de incorporar melloras que se fagan, reparacións no firme, etc.

O cambio que suporá explícao a alcaldesa: “Ata o momento só tiñamos planos e información en papel onde era complicado actualizar calquera dato. Co novo programa de xestión e a web que leva asociada, o persoal municipal responsable da área pode cambiar ou ampliar información, que sempre estará actualizada e dispoñible para o público sen necesidade de vir polo Concello.  Poderemos descargar directamente un pdf da pista que nos interese e imprimilo coa garantía de que estará ao día, e tamén poderemos envialo por correo electrónico ou adxuntalo a solicitudes que fagamos pola Sede Electrónica, como por exemplo no caso do uso de pistas para cortas forestais ou para a saca de madeira. Cremos que é un avance importante e que será unha ferramenta moi útil para a veciñanza e tamén para a xestión municipal”, asegura Beatriz Bascoy.

A alcaldesa volve insistir na importancia da implicación veciñal no proceso de exposición previa que abrirá o martes 13 de outubro. “Animamos á xente a que mire os planos e que propoña os cambios que consideren oportuno facer para podermos levar a pleno un documento o máis preciso posible”. Os mapas coas pistas identificadas poderán consultarse na Nave do Mercado os sábados polas mañás, de 10.00 a 14.00h., e no Concello durante a semana, nos horarios de apertura das oficinas municipais. Tanto na web municipal como no rexistro porase a disposición da veciñanza un formulario normalizado de cara a que poidan achegar as súas alegacións. O prazo para solicitar cambios finalizará o 14 de novembro.