Moeche é un dos concellos beneficiarios das axudas europeas do FEADER canalizadas pola AGADER para a reparación de pistas e municipais situados en zonas de concentración parcelaria xa rematada. Neste sentido, ao consistorio correspóndelle unha achega de 134,800,24 euros coa que se levarán a cabo labores de mellora do firme e de limpeza de cunetas para asegurar unha correcta drenaxe. Está previsto intervir sobre algo máis de 6,7 quilómetros de vías repartidas por Abade, Labacengos, San Xoán, San Xurxo e Santa Cruz, nuns casos volvendo asfaltar, noutros volvendo acondicionar tramos de saburra e en todos retirando sedimentos e vexetación acumulada á beira dos camiños. O orzamento total dos tres proxectos deseñados -que se licitarán por separado- ascende a 159.540 euros, impostos incluídos, dos cales o Concello asumirá con fondos propios 24.739, posto que a liña de axudas non financia o IVE e outros gastos.
Nas parroquias de San Xoán e San Xurxo intervirá nas pistas de Portogonzalvo, Vila e Melle, que enlazan todas coa estrada provincial DP-4907. O proxecto define distintas solucións partindo do estado xeral que presentan na actualidade. Así, os 850 metros do tramo de Portogonzalvo volverase aglomerar por completo, mentres que no de Vila, de 900 metros en boas condicións, farase un traballo de limpeza en profundidade das cunetas e das tubaxes que cruzan de lado a lado, coa finalidade de garantir unha boa evacuación da auga da chuvia que se traduza en maior durabilidade do firme. En Melle -175 metros de lonxitude- volveranse afondar as cunetas, rozaranse as beiras e, finalmente, botarase unha nova capa de asfalto. O orzamento total dos traballos está cuantificado en 73.390€, IVE incluído.
Seguindo cara o leste do concello, na parroquia de Santa Cruz, está previsto acometer labores de reparación e conservación nos 240 metros do camiño do Confurco, consistentes en repoñer a parte asfaltada e volver botar saburra na parte que xa estaba feita con este material. Ademais, nos 2,6 quilómetros que unen a Abelleira e o Retorno -pasando por Amosa, a Serra e Suomonte-, que teñen o firme en bo estado, aproveitarase para perfilar as cunetas e mellorar a conexión coas pistas forestais adxacentes. Neste caso o proxecto suma 31.793,31€, tamén cos impostos incluídos.
No plan de mellora de pistas da parcelaria incluiuse, por último, o proxecto que abranguerá os camiños entre Lavandeira e A Graña -de case 1,3 quilómetros- e desde as Sequeiras até Trieiro (400 m), ambos en Abade, así como a pista das Barbelas, de 205 metros, situada en Labacengos. Nos tres casos a solución técnica centrarase en acondicionar os camiños sen mudar o tipo de firme, é dicir, volvendo asfaltar onde xa estaba asfaltado e compactando saburra onde xa había saburra. O custe total cífrase en 54.357,45€, IVE incluído.
Unha vez que os proxectos están xa redactados e a documentación enviada á Xunta, o Concello agarda iniciar en breve os procedementos de licitación. A suma dos tres orzamentos ascende a 159.540 euros. As bases de concesión da axuda europea -134.800 euros- só permiten cubrir os custes de execución material, deixando fóra do financiamento os 24.739 euros restantes -os impostos e a redacción dos proxectos-, que correrán por conta da Administración local.
Últimos comentarios