A pegada ecolóxica,  exposición cedida polo CEIDA a través dun convenio de colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental –  CENEAM, ofrécenos un achegamento ao coñecemento do impacto que ten todo o noso modo de vida cotián sobre o medio e o contorno que nos rodea. A través dos diferentes paneis poderemos calcular o impacto que cada un  de nós temos sobre o medio co noso estilo de vida e as súas consecuencias

A exposición conta con 11 paneis que  afondan no concepto de “pegada ecolóxica”, un concepto que define a  superficie de terreo bioloxicamente produtivo necesaria para producir os recursos que utilizamos nas nosas actividades diarias e para asimilar os residuos producidos nesas actividades.

Este termo xorde como un indicador de sostibilidade e trata de medir o impacto que o noso modo de vida ten sobre a contorna..A Todas as decisión que como consumidores tomamos na nosa vida cotiá teñen un impacto sobre o planeta. Este impacto ambiental exprésase como a cantidade de terreo biolóxicamente produtivo que se precisa por persoa para producir os recursos necesarios co fin de manter o seu estilo de vida.

Segundo o informe da  Global Footprint Network  do ano 2012, a demanda actual a escala global das nosas actividades é de 2’7 hectáreas por persoa, mentres que o que o planeta pode subministrar sitúase en 2 hectáreas per cápita. Ademáis, estes valores varían segundo as rexións do planeta: mentres EEUU ten unha pegada ecolóxica de 8’2 ha per cápita e España de 3’7 ha per cápita, no caso de Angola non supera as 0’9 ha per cápita. Isto significa que os habitantes dos países desenvoltos estamos a vivir por enriba das nosas posibilidades de rexeneración ecolóxica e diminuíndo cada ano a capacidade planetaria de sosternos.

Lugar : Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña (Castelo de Moeche)

Data:  4 de abril a 21 de abril

Organizan : Concello de Moeche e  CEIDA a través dun convenio de colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental –  CENEAM,