A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, e o presidente da AC Irmandiños de Moeche, Alexandre Campos Saavedra, asinaron este mediodía na Casa do Concello o convenio de colaboración entre as dúas entidades que supón unha achega económica municipal de 6.000 euros para a organización da 43ª edición do Festival Irmandiño. O evento celebrarase desde a noite do venres 19 até a tardiña do domingo 21, cun programa que recupera o seu formato prepandemia e que depara múltiples actividades tanto no campón do Pereiro como na propia fortaleza medieval.
Tal e como se recolle no convenio, a asociación cultural encargarase, en coordinación co Concello, de aspectos como a preparación e limpeza do recinto; do alugamento do escenario, luz e son; da subscrición dun seguro de responsabilidade; da publicidade e difusión do festival; da venda de material conmemorativo; e, como cláusula final, tamén se encargará de calquera outra cuestión organizativa que non apareza recollida no acordo.
Ademais, a AC Irmandiños de Moeche tamén asumirá a contratación dos grupos convidados este ano, agás a de Dequenvessendo, que actuarán traídos polo Concello a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. E é que a colaboración municipal vai máis aló do recollido no convenio, posto que o cosistorio tamén proporciona material loxístico -valados, colectores, etc.-, coordina a axuda das agrupacións de Protección Civil de varios concellos da zona e tamén facilita que o castelo poida ser visitado de balde durante toda a xornada do sábado, día central do Irmandiño.
A achega económica prevista no orzamento municipal deste ano ascende a 6.000 euros. A metade do importe transferiráselle á entidade trala sinatura do acordo asinado este mediodía por Bascoy e Campos, mentres que os 3.000 euros restantes faranse efectivos no momento en que presente a xustificación dos gastos, algo que o colectivo deberá facer antes do 30 de novembro deste ano.
Tres días de música e actividades paralelas
O XLIII Festival Irmandiño volve ao formato prepandemia despois de que en 2020 a situación obrigase a desenvolver unha edición virtual a través das redes e de que en 2021 se optase por un festival de pequeno formato e con reserva previa no adro da igrexa de San Xurxo.
O programa 2022, dado a coñecer pola organización hai tan só uns días, está presidido pola música e por unha oferta ampla e variada de actividades que arrancan o venres 19 de agosto ás 22:00h coa repichoca popular no campo do festival á que están chamadas todas aquelas gaiteiras, pandeireteiros, acordeonistas, cantareiras e percusionistas que queiran sumarse a unha festa que contará como convidadas coa S.C. Airiños dos Carrís (Cerdido) e coas Cantareiras do Saíme (San Sadurniño).
O día grande do Festival Irmandiño, o sábado 20 de agosto, comezará ás 11:00h coa apertura do castelo con entrada libre. Ás 13:30h o campón do Pereiro será escenario dunha sesión vermú con picadiscos e, pola tarde, está previsto o asalto infantil ao castelo (17:00h) e o campionato de deportes rurais (18:00h).
Os grupos convidados na primeira parte da noite son Lenda Ártabra e Ghaldaripas (20:30h), Dequenvessendo (21:30h) e o grupo vasco Neomak (23:00h).
Sobre as 00:30h chegará a paréntese tan agardada do pregón, ofrecido este ano polo actor César Cambeiro, e do asalto á fortaleza, que rematará sobre as 01:15h.
De poñerlle o ramo á noite do sábado encargaranse a Banda Xangai (01:15h) e Farrapos de Ghaita, que empezará a tocar sobre as 02:45h.
O domingo 21, última xornada do Irmandiño, a troula trasládase ao pé do castelo. A partir das 13:30h haberá sesión vermú e un xantar campestre -cachelo, liscos, crioulo, xamón cocido e pan- con racións a 6€. Na sobremesa, a partir das 16:30h, actuará a formación pontesa No Cómbaro seguida do grupo folk Encrucillada.
Últimos comentarios