O cambio a led da iluminación do pavillón municipal será unha das próximas actuacións que leve a cabo o Concello de Moeche en materia de eficiencia enerxética. E é que as instalacións deportivas xa levan tempo requirindo un cambio tecnolóxico que non só contribúa a rebaixar o gasto eléctrico, senón tamén a mellorar as condicións lumínicas dun espazo moi utilizado nos seráns escuros do inverno. Por este motivo, o Goberno local encargou un proxecto cifrado en 18.000 euros -impostos incluídos-  que reducirá nun 40,4% o consumo enerxético, ao tempo que se obterá case o dobre de luz sobre a pista e vinte veces máis nos vestiarios. Os traballos, licitados na Plataforma de Contratos do Sector Público  (ver enlace abaixo), financiaranse con cargo ao Plan Adicional da Deputación da Coruña. 

O pavillón dispón na actualidade de 46 puntos de luz, máis da metade deles (24) situados sobre a cancha. Son estes os que máis consomen de todo o recinto. De feito, segundo as medicións, dos 16.000 W instalados en equipamento lumínico, 12.000 correspóndense coas grandes lámpadas de haloxenuros metálicos que hai penduradas a uns 6,5 metros de altura.

Por tal e como están distribuídas e polo feito de que utilizan unha tecnoloxía xa obsoleta, gastadora e cun rendemento moi pobre, o estudo técnico propón retiralas e substituílas por modernas luces led. As vantaxes son varias. A principal é a redución do consumo,  posto que se pasará de 16.000 a 4.460 W. Malia a rebaixa da potencia instalada, a luz será aínda maior e tamén mellor. Os novos farois led duplicarán a luminosidade do recinto, sen contar con que ofrecerán unha ambientación máis uniforme e cunha reprodución da cor máis natural.

Ademais de cambiar a luz da zona deportiva, o proxecto tamén contempla o emprego da mesma tecnoloxía na zona de vestiarios, o que mellorará case vinte veces a iluminación das dependencias anexas á pista. Propón, ademais, substituír parte do cableado, as conexións e o cadro de mando, neste último caso co obxectivo de axeitar os niveis de luz ás necesidades de cada momento. A este respecto, a instalación está deseñada para cumprir coa norma UNE 12193 para eventos de clase III, segundo o disposto polo Comité Superior de Deportes para superficies de adestramento
de deportes de sala.

Segundo os cálculos que figuran no prego de características técnicas polo que se rexerá a licitación da subministración e instalación do novo equipamento, o aforro enerxético total será dun 40,4% e, en termos económicos, o aforro anual bruto -entre electricidade e gastos de mantemento- cífrase en 2.580€, de modo que o investimento necesario (18.000 euros) recuperaríase en menos de 7 anos.

Cómpre ter en conta, porén, que o gasto necesario para levar a cabo a transformación conta con financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan Adicional. Moeche ten asignados para este e outros proxectos de inminente contratación unha contía total de 213.344,06 euros.

Enlace á licitación: https://contrataciondelestado.es/wps/portal/!ut/p/b0/04_Sj9CPykssy0xPLMnMz0vMAfIjU1JTC3Iy87KtUlJLEnNyUuNzMpMzSxKTgQr0w_Wj9KMyU1zLcvQjIytS8l1CU50Dg320jb0cM7O8_bWz021t9Qtycx0B9Qf3fw!!/

Prazo de presentación de ofertas: 30/11/2023 ás 23:59