O Concello de Moeche obtivo na última convocatoria do plan de camiños municipais da AGADER unha axuda por valor de 54.762 euros. Cartos que se van investir no aglomerado da pista que sobe desde o castelo, en San Xurxo, até o cruzamento coa estrada provincial DP-4904 en Felgosa, xa na parroquia de Santa Cruz. Son un pouco máis de 1,2 quilómetros de distancia aos que, en primeiro lugar, se lles vai dar máis ancho para despois botarlles unha nova capa de rodadura aglomerada. O proxecto total ascende a 66.261,97 euros, IVE incluído, que se financiarán maioritariamente cos fondos europeos canalizados pola axencia autonómica, pero tamén cunha achega municipal. Agárdase que a licitación das obras, que terán un prazo de execución máximo de 4 meses, se publique na plataforma de contratación co sector público á volta duns días.

Tal e como se define nos pregos técnicos, o obxectivo desta intervención é mellorar a seguridade do tráfico e peonil de toda a pista. Para iso será necesario, en primeiro lugar, regularizarlle o ancho a un trazado con tres tramos de medidas distintas, comprendidas entre os pouco máis de 3,5 e os 4,75 metros.

Así, a empresa que finalmente resulte adxudicataria dos traballos deberá limpar ambas cunetas e preparar unha base de saburra compactada que permita darlle un promedio de 0,5 metros de sobreancho por cada marxe.

Os labores previos tamén comprenderán o barrido e limpeza do asfalto existente -base principal do novo firme-, xunto co tapado de baches e o fresado dos lugares onde a pista entronca tanto coa vía provincial, no cruzamento de Felgosa, como co tramo xa reparado polo Concello entre a DP-4901 que suca o fondo de Moeche e o núcleo de Castelo de Abaixo.

Como último paso, o proxecto recolle o estendido dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor ao longo dos 1.230 metros que ten a pista, ademais do pintado da sinalización horizontal.

Os pregos técnicos e administrativos da obra publicaranse en cuestión de días na páxina coa que conta o Concello dentro da plataforma estatal de contratación co sector público. A licitación abrirase cun prezo de partida de 66.261,97 euros, impostos incluídos, e dando un prazo máximo de execución de 4 meses. Valores que as empresas aspirantes a executar os traballos poderán reducir nas súas ofertas, sempre e cando non incorran en “baixa temeraria” (termo que se refire ás propostas anormalmente baixas).

O importe en que finalmente se adxudique o contrato da obra sufragarase principalmente cos 54.762 euros concedidos pola AGADER na presente anualidade do seu plan de camiños municipais, mentres que a diferenza -uns 11.500 euros, correspondentes ao IVE- será asumida polo Concello con fondos propios.

Enlace licitación

Prazo máximo para a presentación de ofertas:  11/09/2023 a las 23:59