Estamos a escasos dous días de despedir o 2023. E o recinto do Mercado de Moeche volverá ser espazo de referencia por dous motivos. O primeiro é que este sábado o mercado semanal celebrará os seis anos de vida ofrecendo toda a súa variedade habitual xunto co sorteo dunha fantástica cesta cargada de produto alimentario. O segundo argumento é que na noite de Aninovo, a partir da 01:00h, a nave acollerá a festa de benvida ao 2024 organizada pola comisión de festas de San Xurxo, con entrada gratuíta, música e prezos populares. 

O mercado deste sábado será unha nova oportunidade de conseguir produtos frescos e elaborados para repoñer as despensas de cara aos xantares e ceas de fin de ano, ademais de adornos e agasallos. Desde que abrise as súas portas por primeira vez, hai seis anos, a cita semanal consolidouse como punto de encontro veciñal e como lugar no que abastecerse de pan, empanadas, doces, queixos, verdura, froita, artesanía e, de novo desde hai uns meses, tamén peixes e mariscos.

O sexto aniversario celebrarase en dúas veces: mañá sábado co sorteo dunha cesta cheíña de produtos de Nadal, e o sábado da semana que vén, 6 de xaneiro, rifando á mesma hora un lote de produtos de beleza. Os sorteos de ambos días serán presenciais -as papeletas conseguirémolas con cada compra que fagamos- e desenvolveranse ás 13:30h.

Fin de ano coa comisión de festas de San Xurxo
A nave do Mercado de Moeche tamén será escenario da última actividade do ano…mellor dito, da primeira actividade de 2024. E é que a partir das 01:00h da noite de Aninovo -a do domingo para luns, que ninguén se confunda- alí terá lugar unha grande festa con entrada libre para darlle a benvida ao novo ano.

Da organización encárgase a comisión de festas do San Xurxo, ofrecendo unha sesión de picadiscos, sorteos e chocolate con churros, ademais de consumicións con prezos axustados. Así que, despois das uvas, todas e todos a Moeche para recibir 2024 como se debe.