A empresa ELECNOR levará a cabo o proxecto de mellora lumínica e aforro enerxético deseñado polo Concello para a principal rúa do centro urbano e a parte superior do recinto feiral. O contrato -licitado por procedemento simplificado- acaba de adxudicarse en  56.408,12€ e consistirá na  renovación de farolas e a substitución de luces con tecnoloxía led para a rúa 23 de Abril,  que vai desde a AC-862 ata a Casa Concello, así como na feira e no interior da nave do Mercado. O Concello agarda aforrar ata un 87%  na factura da luz destas liñas de iluminación pública.

O proxecto dá resposta a unha dobre demanda, por un lado,  rebaixar no posible o gasto municipal en electricidade, dadas as continuas subas do prezo da enerxia, e por outro, mellorar os elementos dunha das entradas ao concello na zona de  San Ramón, que conta desde hai  anos cunhas farolas moi deterioradas.

A obra contempla a  substitución tanto dos báculos  como das lámpadas. Tamén se cambiarán as balizas que hai diante da casa consistorial  – que ofrecen moi pouca luz- por farois idénticos aos que se poñan  no resto da rúa, dándolle así uniformidade visual e lumínica a todo o trazado. Son 43 puntos de luz en total, aos que se lles sumarán outros 8 que irán instalados na zona da feira. Alí, con cargo á mesma intervención, poñeranse tamén 48 luces led dentro da nave do mercado máis dous proxectores exteriores, algo que se notará especialmente no desenvolvemento de eventos de inverno como a recepción aos Reis Magos ou o Entroido.

Este contrato licítouse por 85.217 euros -ive incluído- e está financiado nun 80% pola Deputación da Coruña, mentres que o 20% restante poñerao o Concello.  Agárdase que traia un aforro considerable no gasto en electricidade: a instalación actual ten un custe anual duns 7.667 euros e despois do seu cambio a led andaría en pouco máis de 1.000 euros ao ano, é dicir, case un 87% menos.

Tras a presentación da documentación correspondente por parte da empresa e a sinatura do contrato, esta dispón dun máximo de 90 días para a execución do proxecto.