O SAF de Moeche iniciará hoxe o proceso de vacinación do seu persoal, dentro da programación do SERGAS dirixida á inmunización do persoal sanitario de segunda liña, onde se encadra este colectivo e tamén o de traballadoras e traballadores dos centros de día da comunidade. No caso do noso Concello foron citadas para este mediodía tres das sete traballadoras do servizo, a quen se lles inxectará a primeira dose da vacina de AstraZeneca, mentres que as catro restantes -todas elas maiores de 55 anos- deberán agardar uns días para recibir as fórmulas de Pfizer-BioNTech ou Moderna, que si están autorizadas a partir desa idade. Por outra banda, mentres non se complete o proceso de inmunización de todo o persoal municipal, o Concello proseguirá realizándolle PCR’s regulares aos traballadores e traballadoras que teñen contacto directo co público, empezando por aquelas que non foron citadas ao cribado do pasado martes.

A vacinación do persoal do SAF tramitouse a través da FEGAMP, desde onde se lle solicitou ao Concello que facilitase os datos das sete traballadoras do servizo para incluílas no programa definido polo SERGAS. Segundo o plan da Xunta, o inicio da vacinación para os e as profesionais sanitarias de segunda liña -persoal de atención domiciliaria, centros de día e outros- estaba previsto para esta mesma semana, aínda que a aplicación das doses está condicionada á dispoñibilidade de viais  e á idade dos receptores, posto que a efectividade da vacina de AstraZeneca só está comprobada en menores de 55 anos.

Esa é a razón de que o Servizo Galego de Saúde chamase para hoxe ás tres traballadoras do SAF de Moeche cunha idade inferior, que recibirán no CHUF Arquitecto Marcide a primeira das inxeccións desta fórmula desenvolvida pola Universidade de Oxford en colaboración coa multinacional farmacéutica. Agárdase que nos próximos días sexan convocadas as outras catro traballadoras, que nese caso iniciarán o proceso de inmunización coas vacinas de Pfizer ou Moderna, autorizadas en España para persoas maiores de 55 anos. En todos os supostos será necesario recibir dúas doses, nun prazo entre unha e outra que varía dependendo da fórmula deseñada por cada laboratorio.

A vacina é a grande esperanza para a deixar atrás a pandemia. Porén, o proceso de inmunizar a toda a poboación é lento e complexo e por iso débese continuar coas medidas de autoprotección e de detección de casos asintomáticos. Neste sentido, o Concello fixo probas PCR entre o persoal do SAF “para velar pola súa saúde e a das persoas usuarias do servizo”, apunta Beatriz Bascoy, e, ademais, xa ten contratados test para os traballadores e traballadoras municipais que teñen contacto co público, que se realizarán nestes días comezando polas que non foron convocadas ao cribado voluntario efectuado en Moeche na tarde do martes. Nel, segundo o SERGAS, foron citadas 256 persoas de entre 41 e 64 anos e, finalmente, asistiron facer a proba 196, o 75,56%, entre as que se detectaron cinco positivos.