O Concello de Moeche está ampliando nestes días o número de colectores para a recollida de envases lixeiros e de papel e cartón. Unha iniciativa financiada por Ecoembes a través dun convenio subscrito recentemente por valor de 4.700 euros para a adquisición de colectores metálicos azuis -os do papel- e de colectores amarelos para a recollida de latas, bricks, bandexas ou botellas plásticas, entre outros restos. O consistorio está recibindo estes días o material, que xa se está empezando a distribuir polo territorio co obxectivo de promover unha correcta separación en orixe, facilitar a recollida e, ademais, mellorar o balance anual de refugallos que terán unha segunda vida por medio da reciclaxe. A achega económica provén do fondo de valorización do Convenio Marco de Colaboración entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, ao que Moeche se adheriu neste 2023 por terceira vez desde 2021.

O acordo asinouse a finais de setembro e o equipamento recibiuse hai uns días. Son dous colectores metálicos azuis de grande capacidade para papel e cartón e varios máis pequenos para depositar envases. O seu destino será ampliar a rede municipal con novos puntos de recollida. “Pouco a pouco imos incrementando o número de colectores para facilitarlle á veciñanza a separación dos refugallos que poden reciclarse”, apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Pedreira

Malia que, segundo o concelleiro, a ampliación do parque de colectores azuis e amarelos “contribúe a mellorar o servizo de recollida selectiva e a reciclaxe”, desde o Concello insístese na importancia de “seguir poñendo en práctica un consumo responsable co que entre todas e todos consigamos reducir o que se tira no lixo”. O edil recorda a este respecto que tanto a recollida como o posterior tratamento “seguen supoñendo custes económicos e ambientais, aínda que se recicle unha alta porcentaxe dos refugallos. Por iso é vital reducir e reutilizar todo o que se poida”.

Para cumprir coa redución no noso día a día -algo que o Concello de Moeche ten asumido como parte do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 20230- poden seguirse os consellos ofrecidos por SOGAMA e outras entidades nas súas campañas de concienciación:

Na compra, no compres residuos

  • Tenta adquirir artigos que estean minimamente envoltos. Á hora de escoller entre produtos semellantes, elixe aquel que teña menos envases e embalaxes.
  • Non esquezas levar o teu carro da compra ou a bolsa de lona ou tea de toda a vida, evitando con iso utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez. Rexeita as bolsas que non necesites, aínda que insistan en regalarchas.
  • Solicita ao dependente/a que non envolva e empaquete os produtos que compraches, salvo que sexa imprescindible.
  • Procura comprar artigos reutilizables. Lembra que os de usar e tirar incrementan a cantidade de residuos.
  • Promove o uso de produtos que veñan en recipientes recargables.
  • Rexeita os consumibles (froitas, carnes, verduras) envasados en bandexas de plástico.
  • Afaite a adquirir artigos a granel ou sen empaquetar. Pensa que o envoltorio non forma parte do produto que adquirimos e que acaba por converterse nun residuo do que nos desprendemos inmediatamente.
  • Nas bebidas e líquidos, opta por envases grandes, e se son retornables, mellor. As botellas, frascos e tarros de vidro constitúen unha magnífica opción (o vidro é 100% reciclable).
  • Lembra que comprar en grandes cantidades non só é máis barato, senón que tamén permite reducir a cantidade de embalaxes. Ten en conta que os produtos en frasco familiar xeran menos residuos por unidade.
  • Antes de realizar a compra, fai a lista do que precises. Deféndete ante as estratexias de venda das grandes superficies (ofertas tentadoras, compras impulsivas, etc).

No fogar

  • Usa trapos de cociña en lugar de rolos de papel, e utiliza panos de algodón en lugar de panos de papel.
  • Cos restos das comidas e un pouco de imaxinación, podemos preparar atractivos menús, evitando que acaben no cubo do lixo.
  • Adquire pilas recargables en lugar das convencionais.
  • Respecto das cousas que xa non usen os membros da unidade familiar, debemos procurar que alguén as reciba. Lembra que con moi pouco podes facer máis fácil a vida doutros.

Na oficina e centros educativos

  • Non desaproveites o papel. Usa sempre as dúas caras das follas e reutiliza as impresas por un lado para borradores, tarefas, comunicación informal, etc.
  • Dá preferencia aos materiais con recambio. É unha maneira eficaz de reducir, máis ecolóxica e económica que a utilización de materiais dun só uso.
  • Os papeis de imposible ou difícil reciclaxe (plastificados, encerados, …) só deberías empregalos cando non exista outra posibilidade menos impactante.
  • Usa papel reciclado sempre que poidas. Isto aumentará a súa demanda contribuíndo á súa maior produción e, en consecuencia, á preservación de recursos naturais.
  • Utiliza o teu propio vaso ou cunca e evita o uso de desbotables.