O comercio de proximidade reivindícase na actual situación como a opción máis segura para facer a compra do día a día, ademais de estarmos contribuindo a xerar riqueza preto de nós. Con esa filosofía naceu fai agora tres anos o mercado dos sábados en Moeche, que de cara ás festas do Nadal reforza a súa variada oferta de produto da máxima calidade arrimándolle actividades paralelas para todas as idades. Este sábado 19, sen ir máis lonxe, Eva Quetti -unha auténtica crack dos fogóns e a repostaría- ofrecerá ás 12.00h. un obradoiro de elaboración de doces cos que poder rematar como merecen calquera dos xantares e ceas dos que imos gozar nos próximos días, aínda que só poidamos xuntarnos un máximo de 6 persoas de dous grupos familiares -excepcionalmente tres-, sen contar a rapazada menor de 10 anos. Para participar neste obradoiro fai falla inscrición previa chamando antes das 12.00h. deste venres ao 981 404 006 ou enviando unha mensaxe a correo@moeche.gal.

A habilidade de Eva preparando cousas ricas para comer está fóra de toda dúbida. E lévao demostrado  varias veces participando en concursos culinarios convocados polo Concello ou sendo parte activa na cociña das gorentosas viandas que ofrece a AVV de Labacengos nos seus encontros veciñais, suspendidos este ano por causa da pandemia. O sábado pola mañá explicaranos varias receitas doces e moi creativas -disque os ollos axudan a saborear- que lle porán a guinda a calquera xantar ou cea que vaiamos celebrar, por exemplo, na Noiteboa, no día de Nadal ou na cea de Anovello… ou en calquera momento, xa que para iso son as sobremesas.

Durante o obradoiro adoptaranse as medidas de prevención obrigatorias: uso de máscara, hixiene de mans, separación persoal e, a principal, as prazas serán limitadas para garantir a máxima seguridade durante o seu desenvolvemento. Ese é o motivo de que o Concello requira solicitude previa para participar. Para iso hai que chamar ao 981 404 006 ou mandar un correo a correo@moeche.gal, indicando o nome e apelidos e poñendo no asunto da mensaxe “Reserva obradoiro de doces 19 de decembro”. As prazas outorgaranse por orde de reserva, pero dándolle prioridade á veciñanza de Moeche.

Canda esta actividade tan atraente, o mercado ten máis que ofrecer, empezando pola súa grande variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e agasallos. Ademais, desde a edición do pasado sábado tamén se fan sorteos. Con cada compra que fagamos durante a xornada recibiremos o noso boleto para entrar na rifa dun grande lote de produtos, dun vale para xantar na Taberna Irmandiños (50€), outro polo mesmo valor en Casa Pena e dous pases para unha xeoruta por mina Piquito. E, se non nos toca, tampouco debemos desilusionarnos, posto que a nosa papeleta entrará no sorteo do seguinte mercado, previsto para o 2 de xaneiro (o sábado 26 o mercado non abrirá).

Máis Nadal en Moeche
Dadas as circunstancias sanitarias, o Concello optou por reducir a programación habitual do Nadal e Reis e concentrala nos días de mercado, de maneira que as actividades organizadas sexan un aliciente máis para achegarse á nave dos tecidos. Recén estreado o 2021, o sábado 2 de xaneiro, o mercado de Moeche terá dous obradoiros dirixidos á rapazada con animación musical de La GuaGua.

Nun deles poderán xogar co slime -algo parecido ao blandiblub de toda a vida- e no outro terán oportunidade de escribirlles a carta aos Reis Magos. Haberá dúas quendas, unha ás 11.00 e outra ás 12.00h. para un máximo de 10 nenas e nenos en cada unha delas. As inscricións deberán facerse como moi tarde o xoves 30 de decembro ás 12.00h. a través do 981 404 006 ou do enderezo correo@moeche.gal.

Ese día tamén haberá teatro para toda a familia con Lidia Botana e o seu espectáculo Feira de linguas, a partir das 12.30 horas. Xusto cando remate pasarán pola nave as Súas Maxestades de Oriente para recoller as cartas que lles deixemos -haberá unha caixa de correos para botalas- e ver como participa a rapazada nos obradoiros. Por razóns preventivas este ano non poderemos achegarnos a eles, pero si poderemos saudalos gardando a separación e sen amorearnos para recibilos e despedilos.

Paloma Suanzes no castelo o domingo 27
Da programación festiva municipal aínda nos faltaba por mencionar un último apuntamento. E é que o Concello recupera para o último domingo do ano a actuación de Paloma Suanzes que formaba parte do Castelo de Sons do verán que tivo que suspenderse daquela por razóns preventivas. A cantautora repasará o seu repertorio de composicións propias e versións de temas galegos ben coñecidos nunha sesión gratuíta que terá lugar no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas a partir das 17.30h.

O aforo é limitado, polo que fai falla reserva anticipada de entradas chamando ao 981 404 006 ou enviando un correo a correo@moeche.gal. As localidades asignaranse por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza de Moeche.