Moeche celebra o próximo 11 de maio o 100 aniversario da feira do 11, con actividades ao longo da mañá. Comezamos arredor das 11:45h co pasarrúas de Pulpiño Viascón, logo degustación de petiscos de callos a partir das 12.00h e actuación de Encrucillada coa presentación do novo disco ás 13.00h.

Moeche é terra de feiras, pero isto non é unha novidade, os seus comezos están vinculados á actividade comercial favorecida polos excedentes agrícolas da primitiva vila romana, aos que se irían sumando os produtos artesanais e burgueses, legalmente regulados a partir dunha concesión real. Existe un escrito de 1626 sobre as transaccións comerciais entre dous mercaderes de Ferrol e Pontedeume, constata a celebración dun mercado cada 15 de agosto próximo á capela de San Xiao dos Osos (Labacengos) con motivo da festa relixiosa.

E a Feira de Moeche aparece xa referenciada en documentos do século XVIII en que se reflicte o traslado da Feira da freguesía de San Xurxo para a freguesía de San Xoán. Un documento de 1731 , un “Pleito entre el procurador general y demás vecinos de San Juan de Moeche (A Coruña), contra el procurador y vecinos de la feligresía de San Jorge de Moeche (A Coruña), sobre permanencia de una feria” certifica a primitiva localización da feira modestina: “… antis de agora se celebraba feria en la antigua feligresía de San Jorge y junto a la iglesia parroquial de ella y en virtud de Real Cédula se mudó y trasladó en el sitio y junto al santuario de Nuestra Señora de Balocos y San Ramón Nonato, la cual se hacía cada un año”. E dende aquela segue ahí. Inicialmente a feira era anual ao estar relacionada coa festividade do patrón o día 23 de abril. Logo pasaría a ser mensual (o 23 de cada mes) e a partir do 11 de maio de 1924 pasou a ter carácter quincenal (11 e 23 de cada mes).

A Feira en Moeche segue e conserva o tradicional e fundamental papel que xogaron as feiras na economía rural, e deo 11 e o 23 de cada mes Moeche énchese de vida e actividade coa naturalidade que dan os moitos anos de celebración da Feira, converténdose nun alicerce da economía modestina, produtos locais, noces, embutidos, mel, pan, empanadas, queixos, verdura fresca, froita, legumes…, o polbo á feira, a visita ao mercado do gando, os tecidos, as plantas e flores, as ferramentas…Tradición e autenticidade van da man.

E por isto o Goberno municipal decidiu organizar unha xornada especial para celebrar esta data tan importante, para o que instalará unha carpa na rúa da Feira (fronte a Casa do Concello) onde se servirán petiscos de “callos da feira” (ata esgotar existencias) e podermos gozar da presentación do disco “De volta”, o novo traballo de Encrucillada, así como ver un pequeno video dun día de feira gravado a comezos dos anos 90.  Esta actuación de Encrucillada e a de Pulpiño Viascón están financiados a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.