Volve o Slálom Concello de Moeche. A cita co motor organizada pola Escudería Moeche (Asociación Automobilística Moeche) desenvolverase durante toda a xornada deste sábado 16 de xullo despois de ter que suspenderse en 2020 e 2021 por causa da pandemia. A proba será de novo puntuable para o campionato galego da especialidade e agárdase que conte cun elevado número de participantes -hai tres anos foron 40 e 12 escuderías-, algo que se saberá na noitiña do mércores, momento no que se publicará o listado de inscricións. Con motivo da celebración desta sétima edición, o centro de San Ramón e o entorno do recinto feiral permanecerán cortados á circulación desde as 18:00h do venres ata o domingo ás 12:00h. Con todo, tanto público como residentes terán á súa disposición espazo de estacionamento en zonas próximas ao evento.
O programa horario do sábado dispón que as verificacións administrativas e técnicas comezarán ás 8 da mañá e que a iso das 10 se presentarán os vehículos no parque pechado. Un cuarto de hora despois publicarase o listado de coches autorizados a tomar a saída e, tras unha xuntanza informativa sobre o desenvolvemento da proba, iniciarase a primeira manga de adestramentos. A segunda manga para coñecer o circuíto botará a andar ás 14:00h e a partir dese momento a actividade practicamente non cesará ata preto das 21:00h. Se se cumpre o cronograma, as clasificacións publicaranse sobre as 21:30h e a entrega de trofeos terá lugar diante do Concello ás 22:00h.
As dúas quendas de competición desenvolveranse, polo tanto, ao longo da tarde. O trazado é un calco do de 2019 que tan boas sensacións lles deu ás persoas participantes, ademais de brindarlle un espectáculo emocionante e seguro ao numeroso público que presenciou a proba.
Os premios alcanzarán un total de 930 euros en metálico -ademais de trofeos- asignados aos seis primeiros clasificados da Xeral Scratch. Tamén haberá galardóns para os tres primeiros coches do apartado Agrupación e para o primeiro vehículo encadrado na Copa Iniciación. A organización engadiu a maiores tres trofeos máis por cortesía de Ortegal Oil, Motor Ortegal e Renault Talleres Ramos, como recompensa ao histórico mellor clasificado, á participante feminina con mellor tempo na xeral e a aquela condutora ou condutor que faga o mellor crono guiando un vehículo Renault, quen levará ademais un curso de perfeccionamento no circuíto da Pastoriza (Lugo).
A zona acoutada para a proba e as áreas de aparcadoiro poden consultarse nun documento descargable desde a web da Escudería Moeche.No documento tamén figura a imaxe satelital das rúas do centro urbano que permanecerán cortadas desde as 18:00h do venres ata as 12:00h do domingo. As persoas residentes terán espazo reservado fronte ao estanco para deixaren alí os seus coches, desde onde poden saír cara á estrada de Ortigueira ou Cristo do Rañal.
A Asociación Automobilística Moeche conta coa colaboración de varias firmas comerciais de dentro e fóra do municipio e cun bo número de persoas voluntarias que levan meses traballando para o regreso da proba, que volve ser puntuable para o campionato galego.
No slálom tamén colabora o Concello tanto desde o punto de vista da loxística -valados, autorizacións, etc.- como no económico, por medio dun convenio nominativo asinado hai uns días que lle suporá á entidade unha achega económica de 3.000 euros.
Últimos comentarios