O Distrito Forestal I de Ferrol está facendo queimas prescritas en varios puntos de Labacengos, Santa Cruz e Abade co obxectivo de eliminar maleza en zonas de dificil mecanización próximas a núcleos habitados. As tarefas desenvolvéronse xa en dous terreos de masas comúns sobrantes da concentración parcelaria -de titulariedade municipal- situados en Labacengos e Santa Cruz e, unha vez realizadas as as operacións, que continuarán nos próximos días, o Concello e o Distrito Forestal van colaborar na creación de faixas de protección mediante a plantación de especies frondosas autóctonas.
As queimas prescritas son unha práctica habitual en períodos sen risco de incendios, principalmente para eliminar matogueiras naqueles lugares onde é difícil traballar con rozadoiras de man ou tractor. Este tipo de intervencións contempladas e protocolizadas no PLADIGA non poden abranguer máis de 10 hectáreas e van sempre precedidas dun informe técnico de avaliación de distintas circunstancias, como por exemplo a orografía, o tipo de terreo, a orientación, as previsións de vento, o índice de humidade, etc.
O Distrito Forestal I de Ferrol actuou en dúas masas comúns propiedade do Concello situadas no lugar da Senra, en Santa Cruz, e no de Vilachave, en Labacengos. Nestes momentos tamén se está estudando facer unha queima controlada na Fontela, entre Labacengos e Abade, e proximamente tamén se intervirá na contorna da antiga pista de ultralixeiros do Ventoeiro (Labacengos) para que o campo de voo sirva como cortalumes. O Concello tamén contactará coas persoas propietarias dos predios lindeiros para que autoricen a Medio Rural a queimar a maleza e protexer así as instalacións do aeródromo, hoxe empregadas pola asociación veciñal.
En todos os casos do que se trata é de “eliminar vexetación altamente combustible das proximidades dos núcleos rurais, equipamentos ou infraestruturas, en cumprimento da normativa de prevención de incendios”, comenta Beatriz Bascoy. A alcaldesa explica que o Distrito Forestal I de Ferrol, dependente da Consellaría do Medio Rural, “solicitou a colaboración do Concello para levar a cabo as queimas en masas comúns que quedaron da parcelaria, que nós tamén viñemos limpando nos últimos anos con medios mecánicos”.
A cooperación entre o Concello e Medio Rural non só abranguerá as queimas preventivas, senón que tamén se centrará na posterior replantación das parcelas da Senra e Vilachave con especies autóctonas, concretamente freixos e bidueiros, que se converterán deste modo en cintos de protección naturais contra o lume. Ademais, segundo recorda a alcaldesa, esta medida ambiental “tamén forma parte do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible, PACES, e do plan de aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da axenda 2030, cos que o Concello está comprometido”.
Actividade gandeira nas masas comúns
Para a alcaldesa de Moeche unha das claves da prevención dos incendios “é evitar o abandono das terras”. Partindo desta premisa, o Concello está preparando un regulamento para mobilizar as masas comúns -pezas sobrantes do proceso de concentración parcelaria- coa finalidade de “poñelas a disposición das explotacións agrogandeiras”.
O proxecto, que verá a luz proximamente, pretende que as parcelas de maior tamaño “poidan ser utilizadas polas gandarías, favorecendo así que as explotacións dispoñan de máis superficie agraria útil que lles permita baixar custes de produción”. “É unha maneira de apoiar o sector, e ao Concello tamén lle aforrará ter que facer as limpezas anuais, que son tamén custosas”.
Últimos comentarios