Moeche pechou a primeira hora da tarde deste domingo a sétima edición da súa Feira da Faba. Unha cita que gozou de boa asistencia de público e tamén boas vendas de produto que, segundo os expositores, este ano foi escaso por mor da seca. Na nave do Mercado podían atoparse distintas variedades, con prezos comprendidos entre os 5 e os 14 euros o quilo, e 20 no caso das fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá, cuxa produción tamén se resentiu da calor do verán e do arranque atípico do outono.
Ademais do produto estrela -que tivo mellor saída en verde, esgotándose as existencias a media mañá- na feira tamén se podían mercar verduras, chacinas, pan, queixos, noces, etc., así como artesanía.
A feira rodeouse de varias actividades, entre elas a animación musical da charanga Brassica Rapa e o obradoiro de cociña ofrecido polo colectivo gastronómico-cultural “Babuxa”, con petiscos preparados ao vivo que despois degustou o público. As persoas asistentes á feira tamén puideron saborear unha rica e abundante fabada con todo o seu compango cociñada pola AVV Labacengos.
Desde o Concello fíxose un balance positivo do evento, cun agradecemento especial para a cooperativa Terras da Mariña por non faltar á súa cita en Moeche malia os momentos de tensión vividos no norte de Lugo por causa do incendio declarado antonte na zona de Trabada.
A seguinte grande cita feiral de Moeche -con permiso do mercado do Nadal- será a Feira do Queixo do mes de marzo, que en 2024 será especial por acoller o encontro estatal de queixarías artesanais.
Últimos comentarios