O venres, 1 de xullo comeza unha nova edición do campamento Sementeira que rematará o 31 de agosto. Na primeira quenda, a do mes de xullo, son 26 nenas e nenos os inscritos, dende os 3 ata os 12 anos, deles 4 optaron pola quenda das 8.30 ás 14.00 horas. A maior parte dos inscritos son nenos e nenas empadroadas en Moeche ou ben que cursan os seus estudos no CEIP de San Ramón ou con familiares empadroados en Moeche  e, en menor medida, con pais ou nais con vinculación laboral no municipio. Do total dos 26, 18 xa reservaron praza para o mes de agosto. Con todo, abrirase, como é habitual, un período de inscrición para aqueles que só poden ou desexan acudir neste último mes ao campamento

Como no podía ser doutro xeito, Sementeira seguirá a ofrecer aventuras e actividades diferentes cada semana dende o 1 de xullo ao 31 de agosto, en espazos singulares e privilexiados como o Castelo, a área recreativa Souto Grande, a piscina municipal ou o recinto feiral, co seu circuíto de educación viaria,  ademais do pavillón polideportivo, xa tradicional espazo base deste campamento. Un campamento que sempre se singularizou polo seu carácter itinerante polos espazos interesantes e singulares que ofrece Moeche. Todas estas localizacións permitirán desenvolver variadas actividades, con valores transversais, potenciando a igualdade, o traballo en equipo, a reciclaxe e a posta en valor do medio ambiente e da nosa cultura propia. As actividades serán moi diferentes: acuáticas, científicas, creativas, de reciclaxe, deportivas, artísticas tecnolóxicas, de drons, de robótica, xogos xigantes, excursión, etc., todo en dinámicas de grupo. E de certo que haberá algunha actividade ou visita sorpresa.

Información ás familias
Desde o departamento de Benestar Social estase a contactar coas familias para confirmarlles os detalles e datos pendentes, de ser o caso, de cada unha delas. Así mesmo, previamente ao comezo do campamento manterase no pavillón polideportivo a habitual reunión informativa coas familias da rapazada inscrita, para facilitarlles información sobre o desenvolvemento do campamento, os espazos onde se desenvolverá, actividades previstas e resolver calquera dúbida que poida xurdir. A Dirección do campamento, a cargo da empresa Espazo Vivo, creará xa unha canle de comunicación – como en anos anteriores- que permitirá o contacto directo coas familias que na súa maioría xa participaron en pasadas edicións e na que se comunicará os datos da reunión previa.

Inscricións para a segunda quenda do Sementeira
O prazo para inscribir as nenas e nenos na segunda quenda do Sementeira, no mes de agosto, será do 15 ao 26 de xullo, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas na Casa do Concello o en Sede Electrónica.
Como ata agora, terán prioridade as solicitudes dos nenos e nenas matriculados/as no CEIP San Ramón, en segundo lugar as familias con algún membro empadroado no Concello de Moeche con esta orde de preferencia: nais e pais, avoas e avós e por último as familias con algún dos membros con vinculación laboral no municipio.
Das 30 prazas ofertadas cubertas para a primeira quenda do mes de xullo, quedan aínda 4 prazas libres e as persoas que se queiran anotar debe contactar coa traballadora social do Concello no 981 404 006 ext 1.