Desde o 1 de febreiro ábrese o procedemento de renovación das listas de contratación do Servizo de Axuda no Fogar que teñen como obxectivo cubrir vacacións, permisos, baixas laborais ou vacantes con carácter temporal. En cumprimento do establecido no Regulamento da bolsa de emprego de contratación temporais do SAF -publicado no BOP o 4 de xullo de 2016- as instancias deberán presentarse no prazo do 1 ao 28 de febreiro. Calquera persoa que reúna os requisitos pode presentarse para formar parte da bolsa e quen xa forme parte dela pode achegar méritos para mellorar a súa puntuación.
O numero de persoas que atenden o SAF no Concello de Moeche duplicouse nos últimos anos e iso fai que as listas se utilicen con maior frecuencia pois teñen a finalidade de que o Concello poida contar en todo momento dun número suficiente de persoas cualificadas para cubrir vacacións, permisos e baixas laborais das empregadas do servizo, ou incluso vacantes que poidan producirse.
Os requisitos xerais que se deben cumprir para acceder á bolsa son os de ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea, ou ben ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións, ou ter residencia legal en España. Cómpre ter como mínimo 16 anos, dispor da titulación requirida, ter carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo, non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco ningún expediente disciplinario que separe ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.
Para formar parte da lista é necesario estar en posesión de polo menos un dos seguintes certificados profesionais: auxiliar de axuda a domicilio, o de atención sociosanitaria a persoas dependentes ou ben o de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Ademais destas capacitacións mínimas, as persoas que queiran formar parte da lista e as que xa estean nela poden mellorar a súa puntuación total achegando a acreditación de formación complementaria, por experiencia laboral e polo coñecemento do galego.
As condicións requiridas deben reunirse no momento de presentar a solicitude; esta rexistrarase no Concello xunto cunha fotocopia compulsada do DNI, unha copia compulsada do permiso de conducir, da declaración xurada de dispoñibilidade de vehículo, e dunha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados. As persoas que presenten por primeira vez a súa solicitude tamén teñen que achegar o certificado de profesionalidade ou titulación coa que conten.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro. Unha vez finalizado ese período será cando se xunte a Comisión de valoración, de carácter técnico, encargada de analizar toda a documentación e de asignar as puntuacións segundo o baremo oficial. A seguir, a listaxe exporase ao público por se houbese alegacións e, t axiña se resolvan, a bolsa aprobaranse como definitiva e permanecerá en vigor ata o ano que vén. O listado publicarase no taboleiro de anuncios e tamén nesta web.
Resolución Alcaldía apertura de prazo
Anexo I Solicitude de inscrición na bolsa
Últimos comentarios