Queixo, verdura, embutido, peixe fresco, peixe salgado, conservas, pan, doces, flores, artesanía e ducias de artigos máis foron os que se puideron atopar no primeiro sábado do Mercado de Moeche, inaugurado este mediodía na recentemente renovada nave dos tecidos da feira de San Ramón. O público respondeu indo e vindo durante toda a mañá e, o máis importante, cargando a bolsa da compra con produtos locais da máxima calidade. Os oito postos participantes fixeron un balance positivo da xornada. En xeral venderon ben e saíron satisfeitos dun mercado que terá periodicidade semanal e que nace coa idea de ser referente na comarca para a produción e comercialización de proximidade.

Os intres de maior aglomeración de visitantes déronse preto das 12.30h., momento no que se inaugurou oficialmente o recinto con presenza da Directora Xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez, da Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e a alcaldesa, Beatriz Bascoy. A rexedora destacou na súa intervención a longa tradición feiral de Moeche, da que se ten constancia desde a Idade Media. Unha tradición que se mantén nas feiras do 11 e do 23 e que agora se actualiza e moderniza co mercado semanal dos sábados. Beatriz Bascoy explicou que a renovación da nave dos tecidos e a iniciativa comercial que alberga ten como obxectivos “potenciar o recinto e que os produtores locais e comarcais teñan un espazo próximo para expoñer e vender o seu produto”.

Na mesma liña tamén se pronunciou Sol Vázquez, cualificando o Mercado de Moeche como unha “proposta pioneira” como espazo de emprendemento comercial no rural. Vázquez sinalou que nestes momentos existen en Galicia 18 experiencias similares e que a de Moeche “é a única existente na provincia da Coruña”. Vázquez incidiu en que o mercado “continúa ca tradición que nos vén de antano revitalizándoa e actualizándoa ás preferencias dos consumidores”,  aproveitando, ademais, o “valor engadido” que supón a relación directa e entre quen produce e quen compra.

O Mercado de Moeche é o resultado de dous anos de traballo e duns 140.000 euros de investimento achegados polo Concello, a Xunta e a Deputación da Coruña a través da liña de créditos do Plan Único de Concellos.  97.000 euros destináronse ao apartado comercial, co que se acondicionaron 450 m2 da nave dos tecidos e se dotou o espazo do equipamento necesario -expositores, mobiliario, megafonía, acceso wifi, etc.- mentres que os 43.000 euros restantes se empregaron para a renovación da infraestrutura e a mellora dos accesos.

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, referiuse á colaboración provincial e, nomeadamente, á “autonomía” que lle dá aos municipios o POS+ Plan Único de Concellos “para decidir que investimentos queren facer”. Sanmartín louvou que, no caso de Moeche, os fondos se dediquen á “posta en valor dos produtos locais e á creación dun circuíto de comercialización de proximidade” que, segundo a representante provincial, se vén sumar ao potencial turístico do municipio e ao tirón económico e social que xa teñen de por si as feiras do 11 e do 23.

Éxito na estrea dun espazo que será algo máis que mercado
No primeiro día do mercado houbo boa afluencia de público e tamén boas vendas entre toda a variedade dispoñible, que abrangueu produto alimentario -fresco e elaborado-, flor e artesanía que se repartían nos expositores móbiles cos que conta o espazo.

No caso da alimentación todos os postos daban a proba do xénero pero, ademais, o Concello tamén ofreceu co gallo da inauguración unha cunca de caldo e unha copa de viño mentres o grupo “Os Feroces da Galgueira” animaba os últimos compases do mercado. Ese será outro dos cometidos do espazo, que acollerá degustacións e eventos culturais. “Os mercados teñen que innovar. Por iso ofreceremos actividades, obradoiros…. queremos facer deste sitio un lugar no que poidas estar a gusto”, comentaba esta mañá Beatriz Bascoy.

O Concello agarda que o Mercado de Moeche se vaia asentando pouco a pouco e que, co tempo, se convirta nun referente do comercio rural en toda a volta. “Creo que a primavera e o verán vai ser a época boa deste tipo de mercados”, dixo Bascoy, quen sinalou como un factor para ter en conta por parte da clientela a dispoñibilidade de peixe fresco. “Que os sábados haxa aquí peixe fresco  fará que a xente colla o hábito de vir buscalo, e se vés ao peixe tamén vés a máis cousas”. Neste sentido, o Concello ten previsto licitar tanto este posto de produtos do mar como o bar da zona de degustacións que, debido ás peculiariedades da súa explotación, requiren unha concesión a longo prazo. O resto de postos rexeranse pola ordenanza municipal de mercados.

O Mercado de Moeche abrirá os sábados entre as 10 e as 14.00h. agás os festivos. Por iso non o haberá o sábado que vén, día de Reis, e teremos que agardar ao día 13 de xaneiro para volver atopar a nave dos tecidos chea de oferta variada, local e da máxima calidade.