Ofrecemos desde hoxe unha remodelada web baixo o novo dominio moeche.gal, unha páxina que seguiremos ampliando e rematando cara a unha maior información e participación.

A modernización dunha ferramenta tan básica a día de hoxe entendeuse desde o Concello como unha necesidade no desenvolvemento actual  da vida municipal,  para fornecer información á veciñanza sobre servizos  e actividades municipais ou a realidade asociativa do concello,  para  ser  unha vía de participación e transparencia  e, ao tempo, para  proxectar  Moeche cara ao turismo.

A nova web, desenvolvida por Gnomio portal web municipal, ofrece variados contidos – feiras,  servizos municipais, rutas,   datos estatísticos, patrimonio, Castelo, axenda, novas, Andainas, boletíns, galerías de fotos, etc. – , mais o elemento fundamental é a comunicación directa a través de ferramentas que permiten, por exemplo, que as persoas usuarias reciban nos seus teléfonos móbiles avisos urxentes (cortes de auga, árbores caídas, corte de estradas, etc.).

O novo sistema de información inclúe a comunicación directa coa  Alcaldía, a posta a disposición de  audios e textos das sesións  plenarias , o estado de execución dos investimentos principais,  un espazo para consulta de todas as redes sociais relacionadas co Concello e  a comunicación veciñal a través dun mecanismo que facilita  trasladarlle incidencias ao Concello e consultas á veciñanza sobre temas de interese municipal.

Ás asociacions ofrécesellese un apartado para cada unha delas, no que contan cun espazo propio para comunicar as súas actividades e información.

Ao tempo, partindo da importancia das información na actualidade, o sistema  publica automaticamente na web municipal e nas redes sociais as novas municipais.

Agardamos a participación e colaboración de todos e todas vós para facermos participativa e útil esta páxina.