Un total de 61 persoas maiores de 16 anos tramitaron a súa inscrición nas escolas deportivas municipais. Hoxe, 14 de outubro, deron comezo as actividades de Spinning, Exercicio biosaudable Maiores +, Pilates e Adestramento funcional, tanto no pavillón polideportivo, en San Ramón, como no local social de Abade. As escolas deportivas infantís deberán agardar ás modificacións nos protocolos escolares para activarse de novo. Por outra parte, o Concello está a organizar as primeiras Escolas Culturais Municipais co obxectivo de que poidan empezar no mes de xaneiro con diferentes actividades para todas as idades.
Como xa anunciabamos hai unhas semanas, pouco antes de comezo do prazo de inscrición, xunto ás actividades habituais de Spinning, Exercicio biosaudable Maiores + e Pilates, este curso a actividade de mantemento substitúese pola de Adestramento funcional, baseada no desenvolvemento de circuítos de forzas, exercicios aeróbicos e outros.
A actividade con maior participación é a de Pilates cunha inscrición de 23 persoas; Spinning conta con 15 persoas, Movémonos ou Adestramento funcional, 9, e Maiores+ , 14 .
Como aconteceu o pasado curso, será necesario cumprir con toda a normativa establecida pola situación sanitaria para o uso das instalacións e o desenvolvemento da actividade deportiva. Coa nova normativa os grupos xa non se deben limitar a seis persoas; o límite é o 90% da capacidade do local.
Actividade deportiva tamén nas entidades veciñais
Ademais da oferta municipal, quen o desexe tamén pode optar polas clases de zumba que ofrece a Asociación de Veciños Labacengos, os martes e xoves, en horario de 20.45 a 21.45 horas. Inscrición e información no teléfono 606 72 90 38
Últimos comentarios