O Concello de Moeche ten aberto o prazo de inscrición na sétima edición da carreira popular, que percorrerá San Ramón e os seus arredores o próximo 18 de xuño. O evento -do que pode obterse máis información nesta ligazón– marca o inicio das actividades estivais promovidas e deseñadas pola área de Deportes co obxectivo de fomentar hábitos saudables e o desfrute do aire libre, agora que os días son máis longos e, esperemos, de bo tempo. A oferta das Escolas Deportivas de Verán será ben variada durante xullo e agosto: natación, mantemento físico, rutas de sendeirismo e incluso tenis para a rapazada, a través do programa Corresponsables da FGT. Agás nesta última, cuxo prazo para apuntarse remata nuns días, nas demais propostas poderemos inscribirnos a partir do luns 6 de xuño.
A Concellería de Deportes, coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza un programa pensado para todas as idades que terá como lugares de referencia a piscina municipal e o parque biosaudable de San Ramón.
No primeiro caso será onde se desenvolvan en días alternos e horario de mañá as actividades acuáticas de iniciación e perfeccionamento en natación para a cativería e as de natación e ximnasia na auga para persoas adultas.
As actividades de exercicio físico para persoas maiores aproveitarán o equipamento e o espazo arredor da Casa do Concello para tonificar tanto o corpo como a mente por medio de xogos moi entretidos que buscan tamén favorecer a interacción social.
Xunto con estas propostas, o Concello tamén organizará dúas rutas de sendeirismo gratuítas, unha a finais de xullo por Labacengos e outra no remate de agosto por Santa Cruz. Aos percorridos e outros detalles daráselles cumprida publicidade nos días previos.
Cabe recordar, ademais, que durante o verán tamén volverán as xeorrutas do Toelo e de Mina Piquito, cuxa reserva estará centralizada este ano xunto con toda a oferta de itinerarios xeolóxicos do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
Igual que outros anos, neste tamén volve haber tenis. A actividade estará coordinada pola Federación Galega de Tenis dentro do programa Corresponsables, ao que Moeche se adheriu canda outros municipios galegos. As clases desenvolveranse pola tarde e, tal e como se informou onte a través das redes sociais, a inscrición hai que facela directamente na plataforma da Federación.
O período de inscrición nas restantes actividades organizadas polo Concello abrirase o luns 6 de xuño e poderá formalizarse na sede electrónica de www.moeche.gal ou na Casa do Concello, no rexistro xeral. Unha vez confirmada a praza por parte do departamento de Deportes haberá que efectuar o pagamento de taxas, sempre antes do comezo do curso.
Os prezos son os que se mostran no seguinte cadro, aos que haberá que aplicarlles -de ser o caso- os descontos previstos na ordenanza reguladora nº 16.
ACTIVIDADE |
HORARIO |
LUGAR |
PREZOS |
Natación iniciación (4-9 anos) |
Mércores e venres 12:30 -13:15 |
Piscina municipal de Souto Grande |
12€/mes; 22€/ curso completo |
Natación perfeccionamento (10-16 anos) |
Mércores e venres 11:30 -12:30 |
Piscina municipal de Souto Grande |
12€/mes; 22€/ curso completo |
Natación/aquagym persoas adultas (+16 anos) |
Luns e xoves 12:00 -13:00 |
Piscina municipal de Souto Grande |
15€/mes; 28€/ curso completo |
Exercicio físico no parque (maiores de 55 anos) |
Martes e venres 10:00 -11:00 |
Parque biosaudable San Ramón |
9 € /MES |
Ruta 1 de Sendeirismo |
31 de xullo 10:00 |
Parroquia de Labacengos |
De balde |
Ruta 2 de sendeirismo |
28 de agosto 10:00 |
Parroquia de Santa Cruz |
De balde |
As próximas citas
E mentres se prepara o inicio das actividades de verán, o calendario municipal xa ten dúas referencias á volta duns días. A primeira delas é o peche do curso das Escolas Deportivas Municipais, que terá lugar no pavillón municipal o venres 17 de xuño. Nas escolas participaron medio cento de alumnas e alumnos, quen aproveitarán a ocasión para mostrar a súa evolución desde o pasado outono. Na clausura dos distintos cursos entregaranse diplomas e agasallos.
Ao día seguinte, o sábado 18 de xuño, tocaralle á VII Carreira Concello de Moeche. A popular percorrerá o recinto de San Ramón nas categorías inferiores, mentres que as categorías que entran na carreira absoluta deberán completar un trazado de 6,7 quilómetros arredor do centro urbano. O período de inscrición está aberto ata o próximo día 16.
Modelos de inscrición para descargar:
Formulario natación infantil iniciación: PDF / EDITABLE
Formulario natación infantil perfeccionamento: PDF / EDITABLE
Formulario aquagym persoas adultas: PDF / EDITABLE
Formulario eXercicio físico no parque (+55 anos): PDF / EDITABLE
Últimos comentarios